A Deputación de Pontevedra financia a través do programa "+Música" a actuación de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, ás 21:00 horas, este sábado 3 de agosto, no Torreiro da Feira do Dez de Candán, en Soutomaior.
O músico coruñés Xabier Díaz conclúe unha triloxía persoal en compañía das Adufeiras de Salitre co seu álbum "As Catedrais Silenciadas", un traballo que culmina un proceso que comezou no ano 2015 e no que o elemento diferencial é o conxunto de mulleres vocalistas e percusionistas.
As súas composicións, en moitos casos, parten do traballo de investigación, escoitando as cancións das mulleres no rural, e, doutra banda, dándolles o seu toque particular.
Este concerto enmárcase en +Música, a iniciativa coa que a institución provincial pon á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un catálogo de artistas galegos e en galego co obxectivo de fomentar a cultura e lingua galega, así como impulsar a reputación da provincia de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel.
En total son 59 actuacións que se están a celebrar entre maio e setembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia: 5 en maio, 2 en xuño, 20 en xullo, 26 en agosto e 6 en setembro. "+Música" ten un orzamento de 600.000 euros, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos.