Unha xuntanza que terá lugar o luns 5 de outubro ás 19.30 horas no salón de actos do Pazo da Cultura será o punto de partida dunha nova edición do programa de Noites Abertas. Desde o Concello de Pontevedra convocaron a todas as entidades, asociacións, colectivos e grupos xuvenís de Pontevedra interesados en participar na elaboración de proxectos e na proposta de actividades.
O obxectivo é que os mozos sexan protagonistas do seu ocio, dándolles a posibilidade de participar activamente no deseño de actividades e así poder compartir con xente da súa idade, intereses e afeccións diversas.
As propostas poden ser de actividades deportivas, culturais, obradoiros de diverso tipo, rutas, xogos... sempre respondendo aos fins de Noites Abertas.
O ano pasado recibíronse 230 propostas das cales saíron 117 actividades distintas.
Por outra banda, manteranse reunións informativas co alumnado maior de 16 anos de todos os IES públicos de Pontevedra co fin de explicarlles a posibilidade de presentar os seus propios proxectos de actividades para o programa, e así, dar o paso e ser monitores e non limitarse a ser usuarios do programa.
As charlas nos IES sucederanse ao longo da primeira quenda do mes de outubro, nas datas acordadas cos centros educativos colaboradores.
O prazo para a presentación de propostas será do 5 ao 30 de outubro. No mes de novembro a coordinación do programa fará a selección das propostas definitivas, para pasar a unha nova fase de programación concreta das actividades seleccionadas, e configurar así o calendario definitivo para comezar máis cedo ca nunca, o venres 29 de xaneiro de 2016.
O modelo de formularios para deseñar propostas poderá descargarse de www.noitesabertas.gal e www.xuventude.pontevedra.eu ou ben solicitalo na oficina de Xuventude, situada na Casa Azul.