Xa está aquí Revenidas 2017, o máis solidario dos Festivais Rías Baixas

O Salnés
17 de agosto 2017

O festival comeza este venres 18 na parroquia de Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa, coa aspiración de recibir a máis de 15.000 persoas. Prolongarase durante o sábado 19 e o domingo 20 de agosto cunha proposta de actividades culturais e de ocio que inclúe música, espectáculos circenses, unha feira e sardiñadas populares 

Presentación do festival Revenidas 2017
Presentación do festival Revenidas 2017 / Xunta

Todo preparado para o Revenidas 2017, unha das citas máis internacionais e solidarias dentro dos Festivais Rías Baixas que promove a Deputación Provincial de Pontevedra. O festival comeza este venres 18 na parroquia de Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa, coa aspiración de recibir a máis de 15.000 persoas.

A cita prolongarase durante o sábado 19 e o domingo 20 de agosto cunha proposta de actividades culturais e de ocio que inclúe música, espectáculos circenses, unha feira e sardiñadas populares.

No apartado musical, entre os grupos que actuarán destacan La Pegatina, Riot Propaganda, Terbutalina, Skindred ou Bohemian Betyars. Tamén haberá unha importante representación de bandas lideradas por mulleres, como Bolboreta, De Vacas, Pupil•es ou Voodoo, unha mostra da importancia da igualdade neste festival.

Ademais, como nos anteriores Festivais Rías Baixas, Revenidas será tamén escenario da campaña da Deputación de Pontevedra 'Eu decido, ti respectas'.

 O Revenidas converteuse nunha referencia en Galicia pola súa aposta pola música feita en galego e ao mesmo pola súa combinación coa presenza de grandes bandas destacadas internacionalmente. Dende o 2003, ano da súa primeira edición,  non deixou de medrar en canto a actividades e asistencia.

A programación inclúe o Festival das Linguas, no que se poderán escoitar cancións en galego, castelán, catalán, euscara, inglés ou húngaro e de estilos tan diversos como o balkan, ska, punk, rock, pop, garage, rap, hip hop, funk, dubstep, trap, reggae, folque ou electrónica.

Revenidas 2017 contará con dous escenarios nun recinto pechado para os concertos de pago, o Escenario Mahou máis o Escenario Deleite. Ademais, conta cun amplo espazo de acceso libre no entorno do porto, ao redor co edificio da Praza de Abastos, onde terán lugar as actividades de balde para todos os públicos. Haberá pasarrúas, música tradicional, acústicos e  melodías para os máis pequenos da familia.

As entradas, que teñen un prezo de 35 euros (45 euros no despacho de billetes) polo bono dos tres días, pódense adquirir a través da páxina web do Festival e en puntos de venta físicos das catro provincias galegas. Pódense mercar entradas para un só día por 20 euros (25 euros o propio día).