Xa está aquí o Salón do Libro: "Non hai virus que poida coa forza da palabra"

Pontevedra
24 de abril 2021

Case tres semanas por diante de diversión e, sobre todo, moita lectura. É o que promete ofrecer o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, cuxa edición número 22 arrancou cun espectáculo inaugural, para un aforo reducido, no auditorio do Pazo da Cultura

Inauguración do Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2021
Inauguración do Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2021 / Mónica Patxot

Case tres semanas por diante de diversión e, sobre todo, moita lectura. É o que promete ofrecer o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, cuxa edición número 22 arrancou cun espectáculo inaugural, para un aforo reducido, no auditorio do Pazo da Cultura.

Atrasado a abril pola pandemia da covid-19, o Salón do Libro desenvolverá unha intensa programación, tanto presencial como por streaming, ata o próximo 9 de maio. Farao co cambio climático como fío condutor e con todo o planeta como 'país invitado'.

A edil de Cultura, Carmen Fouces, destacou que a organización era "consciente" de que o público pontevedrés "tiña ganas do Salón", tras ter que suspender a edición anterior. "É un pracer ver por fin colas de xente agardando", sinalou.

Será, iso si, unha edición con "pequenos cambios" como a necesidade de reserva de entradas ou a novidade de levar as actividades tamén ao exterior do Recinto Feiral, en concreto á Illa das Esculturas, aínda que dependendo das previsións meteorolóxicas.

O espectáculo inaugural, dirixido por Marcelo Dobode e presentado por Mariña Paz, contou coas actuacións do coro da Xunqueira I e a Xingro's Big Band e estivo inspirado no Mago de Oz, contando para iso coa colaboración das actrices Silvia Martín e Lucía Franco.

Ademais, o Salón do Libro rendeu unha homenaxe a Luz Gallego, da Librería Seijas, á que se lle agradeceu os seus 40 anos recomendando libros. "Nenuca", como todo o mundo a coñece, foi sempre una das grandes colaboradoras deste evento cultural.

O encargado de pechar este acto foi o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que afirmou que "non hai virus que poida coa forza da palabra lida, narrada, escoitada ou ilustrada" e destacou que "se algo puidemos aprender neste ano é que necesitamos, máis ca nunca, unha cultura que sirva para compartir experiencias, soños e arelas".

A programación do Salón do Libro Infantil e Xuvenil pódese consultar nesta ligazón.

Arquivado en