A partir das sete da tarde comezaremos a coñecer as aventuras que nos agardan en 'O mundo que queremos', a edición coa que o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra alcanza a súa maioría de idade, dezaoito anos facendo soñar aos máis pequenos da casa.
O primeiro dos espectáculos programados nesta edición é Xoga de Entremáns, que terá lugar no Auditorio ás 18:00 horas na sesión para o público xeral. As entradas poderán adquirirse no vestíbulo dende unha hora antes ó prezo único de 3 euros e inclúen, como agasallo especial, un exemplar do libro Escaquis e Romeu.
Precisamente, tras o acto inaugural, que terá lugar no Auditorio do Pazo da Cultura ás 19:00 horas, celebrarase a presentación deste libro, con texto de Antonio Manuel Fraga e ilustracións de Jacobo F.S. e editado polo propio Pazo da Cultura.
Ademais, ás 19:30 horas haberá unha tripla sesión de contacontos nos diferentes espazos do Salón: 'Contos que deixan pegada', de Pavís Pavós, 'Un mundo cheo de contos', de Bea Campos e Davide González e 'Unha porta á prehistoria', da Unidade de Cultura Científica CSIC Galicia.
Todos eles son de entrada libre ata completar o espazo dispoñible.