Os últimos venres dos meses de xaneiro, febreiro, marzo, abril e maio, como sempre en horario de 21 horas ata a medianoite, a Boa Vila ten unha cita cos Cantos de Taberna.
Esta nova edición, a decimosegunda, botará a andar este venres 31 no barrio do Burgo, primeiro no bar Breogán para continuar no Balixas.
A asociación cultural Maravallada impulsa esta iniciativa e despois de varios anos de Cantos de Taberna, comproban con ledicia que "hai canteira" e que en Pontevedra "agroman grupos novos para acompañarnos".
"Empezamos con algo de medo, a cousa foi fenomenal e podemos dicir que é un éxito rotundo na cidade", comenta Manuel Espiño, representante de Maravallada.
"Creo que somos os primeiros do país que facemos Cantos de Taberna durante tantos meses porque o normal e o típico é facelo nunha data, un día concreto. Nós estaremos do inverno ata a primavera", dixo.
Este venres 31 abre Maravallada o programa. Estarán ás 21 horas no Breogán e máis tarde, ata a medianoite, no Balixas.
No mes de febreiro, Maravallada estará na NASA e O Noso bar e irán con eles un grupo da zona de Bueu que son Vento Mareiro Forza 5.
O 28 de marzo no Bogotá e A horta do cura, pola zona de Joaquín Costa xunto a Maravallada estará un grupo de Cangas que se chaman Peis d'hos.
A sinalada data do 25 de abril os Cantos de Taberna visitarán A adega dos avós e O chato, bares cerca do Centro Histórico. Participará xunto a Maravallada un destes grupos novos que se formaron en Pontevedra hai dous anos: Sons das Corbaceiras.
O remate será o 30 de maio no Moderno e no Forno e estará con Maravallada outro grupo formado na cidade: Sons da Pedreira.
Espiño fixo un chamamento final á xente para "que sigan vindo aos Cantos, que habitualmente son bastante masivos pero queremos que a xente veña a cantar. Nós repartiremos as letras como cada ano para facilitar. Estamos preparando desde Maravallada o repertorio, con cantigas novas para non repetir e que a xente aprenda tamén".