O ciclo Ponteatro bota a andar esta semana cunha primeira cita coas entradas esgotadas. Trátase de 'Iribarne', unha revisión da figura de Manuel Fraga en clave de humor escrita por Esther F. Carrodeguas e con dirección de Xavier Castiñeira.
Este espectáculo de ButacaZero xa colgou o cartel de ‘entradas esgotadas’ en Vilalba e Santiago de Compostela e volverá facelo este xoves, 8 de febreiro, ás 20.00 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra.
A expectación xerada por esta obra xa se viviu tamén en Madrid o pasado outono, onde a peza estivo en cartel un mes completo, esgotando todas as entradas e acadando o aplauso unánime do público e da crítica.
Agora, na provincia de Pontevedra, xa ten datas confirmadas en Vilagarcía de Arousa (24 febreiro), Tomiño (20 abril) e Cangas (4 maio).
A obra está escrita por Carrodeguas, que a presenta como "un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí camiñando da man dun deses personaxes secundarios pero incriblemente imprescindibles da nosa historia". Segundo ela, é "o traballo máis difícil que escribín ata agora" e engade que "foi complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar".
Castiñeira, responsable da dirección, sinala que "este personaxe é inabarcable” e “entendo o que fixo, pero non dende onde o fixo e por que o fixo", e salienta as contradicións que foron atopando durante o proceso de investigación, tanto da súa biografía persoal como da súa traxectoria política.
Ambos os dous sinalan que pertencen a unha xeración, a da Transición, que medrou rodeada dun "silencio tácito arredor da historia política recente", e que se embarcaren neste proxecto axudounos a entender de onde vimos. "Paréceme moi interesante que a obra, que se sustenta sobre o silencio, abra portas ao diálogo, aínda que sexa para provocar controversia", apunta Carrodeguas.
A montaxe está articulada en tres episodios, que reflicten a evolución política do noso país, dende o franquismo ata a transición e a democracia, para culminar co período de hexemonía de Fraga en Galicia. "Pareceunos que un político que ocupara cargos de alta responsabilidade e que se mantivo no poder ao longo dun período tan dilatado podería ser un personaxe interesante para falar sobre a identidade de España", sinala a dramaturga.
A posta en escena ofrece, con ritmo frenético, un xogo coral no que todo o elenco -integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro e Lidia Veiga- se vai dando o relevo para interpretar ao protagonista. Trátase dunha "peza extremadamente teatral, moi tola, moi divertida de ver", afirma o seu director.
Na obra caben todas as iconas pop das diferentes épocas, dende Palomares ata Salomé, Massiel, Serrat... pasando por episodios máis tráxicos, como Grimau, os asasinatos de ETA ou a morte de Franco. "Percorremos dende a infancia ata a morte de Fraga, e iso é toda a historia recente do país", afirma Castiñeira. "Pero non estamos a intentar facer Historia nin un biopic, senón darlle unha volta moi cómica e contemporánea, ollando dende aquí e dende o agora, sen acritude, o pasado", conclúe o director.
Completan o equipo artístico Diego Valeiras, que firma o espazo escénico xunto ao propio Xavier Castiñeira e mais o vestiario, Diego Vilar, a cargo da iluminación, Pablo Fontenla, responsable da parte audiovisual, a coreógrafa Sabela Domínguez e o produtor musical Berto, creador da banda sonora orixinal da obra, que inclúe o single Who the f*ck is Iribarne?