A asociación Arousa Moza celebrará este sábado, 7 de setembro, unha nova edición do Festival Arousa Inspira en Vilagarcía.
O evento, que naceu no 2018 co obxectivo de mostrar o patrimonio local e o talento de artistas emerxentes, mantén a súa esencia a pesar das dificultades económicas.
A xornada comezará ás 11:00 horas diante do Espazo Xove de Vilagarcía cunha xincana para nenos e nenas de todas as idades. Os participantes percorrerán a cidade realizando probas e coñecendo o patrimonio de Vilagarcía de Arousa.
Pola tarde, a partir das 17:30 horas, terá lugar o clásico Concurso de Concursos, aberto tanto para os máis novos como para os maiores.
Ademais, o festival contará cunha ampla variedade de actuacións musicais na Praza de Galicia, destacando a presenza de artistas como:
- Andaruê Capoeir-Mestrando Camugerê
- Eddy
- G Face
- Joel Padín
- North.adt
- Nydia
- Solitaires
Dende a organización destacan que, a pesar da falta de subvencións da "Iniciativa Xove" da Xunta, conseguiron sacar adiante o festival grazas á creatividade, o apoio do Concello e a colaboración desinteresada dos artistas convidados.