Volve Jazz no Principal con músicos "que teñen a bandeira do jazz galego"

O Teatro Principal de Pontevedra acollerá os concertos de Carmen Rey e Gonzalo Del Val o último sábado de abril e o primeiro de maio no marco dos ciclos de música que organiza o Seminario Permante de Jazz da cidade

Carme Fouces e Luis Carballo presentan as xornadas de jazz
Carme Fouces e Luis Carballo presentan as xornadas de jazz / Juan Manuel García

O Teatro Principal de Pontevedra acollerá os concertos de Carmen Rey e Gonzalo Del Val o último sábado de abril e o primeiro de maio no marco dos ciclos de música que organiza o Seminario Permanente de Jazz da cidade.

A edil de Cultura, Carme Fouces, e o organizador das xornadas de jazz, Luis Carballo, presentaron esta mañá a decimonovena edición de Jazz no Principal.

A actividade, que se dividirá en dúas xornadas, ten como fin "trasladar a música do jazz a toda a cidadanía" e agradecerlle ao público a súa "fidelidade", apunta Fouces. Ao respecto, Carballo indica que esta iniciativa "xa está conseguindo o nivel que deixamos antes da pandemia".

Jazz no Principal é un formato "moi arriscado" que une a grandes artistas nacionais e internacionais con "xóvenes promesas que están no Seminario". Carballo lembra que desde a primeira edición se apostou por músicos que "teñen a bandeira do jazz galego". Por iso, destaca a singularidade do proxecto e asegura que "é un ciclo diferente que non se fai noutros lados, de alto nivel".

Nesta ocasión, o sábado 29 terá o lugar o concerto de Carmen Rey, unha vocalista galega do momento que "ilumina o jazz feminimo en Galicia" indica Carballo. O sábado 6, os asistentes poderán gozar da actuación á batería de Gonzalo Del Val, "un dos grandes referentes do jazz en Cataluña".

En ambas as dúas xornadas, os artistas estarán acompañados do SPJ-Group, composto polo alumnado do Seminario.

Carballo lembra que, coincidindo co programa de concertos, tamén se levarán a cabo obradoiros nos que os artistas desvelarán a súa visión da música. Os coloquios, que serán de balde, terán lugar no antigo conservatorio de 11:00 a 14:00 horas.

A concelleira destaca que tanto para o Concello como para o Seminario, "a rentabilidade non está no prezo da entrada, senón na cultura e na música en si mesma". Por iso, cada concerto terá un "prezo popular" de tres euros.

Todas aquelas persoas que estean interesadas poderán adquirir o seu tique unha hora antes do concerto na billeteira do Teatro Principal ou de xeito anticipado a través de ataquilla.com ou no teléfono 902.504.500.