Retómase o programa de Cabos Soltos, o proxecto que segundo a concelleira Anabel Gulías "naceu como unha contestación do Concello de Pontevedra á lei de espectáculos de Galicia" que facía "case imposible" programar actuacións en locais de pequeno formato.
Durante esta mañá do 20 de abril tivo lugar en Palm Kids a presentación do programa de Cabos Soltos e as III Xornadas sobre a Industria da Música. A concelleira indicou que dende o Concello se asumen tres puntos básicos que "son a esencia" do proxecto.
O desenvolvemento destas actividades, que se levarán a cabo os vindeiros días 28 e 29 de abril, pretenden favorecer o tecido creativo e emerxente da cidade a través de programacións e de xornadas de formación coordinadas por Patricia Hermida, presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM).
Coa fin de fomentar a cultura, organizaranse actividades creativas que contarán, segundo a concelleira, con "cerca dos 100 artistas para que se dean cita en máis de 25 locais". Marcos Rivas, director da Sala Karma, apunta que se intentará adaptar cada actuación a cada local.
A gran maioría das participacións van na liña musical. Ao respecto, a concelleira lembra que outras disciplinas como a arte ou a danza tamén teñen cabida. "As artistas que comezan teñen que ter a posibilidade de mostrar o que fan. Dende o Concello queremos ser aliadas neste camiño e darlles unha plataforma".
Gulías confesa que a cuestión de "onde programar" é un debate aberto non só en Galicia, tamén no ámbito nacional. Pero está convencida de que "é o momento de definir posturas" e por iso o Concello quere favorecer e consolidar a "escea de Pontevedra" a través dunhas xornadas sobre industria musical que se concentrarán durante o venres 28 de abril.
Patricia Hermida explica que estas actividades porán en valor "o momento tan fantástico que estamos vivindo tanto na escea como na industria da terra". Tratarase de dar resposta a moitos temas que suscitan dúbida entre os músicos e ofreceranse experiencias inspiradoras que "sirvan para seguir construíndo en clave común".
A presidenta de AGEM adianta que este ano contarán con dous obradoiros da man do xerente de Músicas ao Vivo nos que se resolverán cuestións sobre a reforma do estatuto do artista e se darán solucións prácticas ás facturacións dos artistas, "que normalmente adoitan ser un escollo tanto para a administración pública como para as salas".
"Nós mesmos somos potencia sen necesidade de contar con experiencias doutros sitios".
Contarase coa participación de Grande Amore, Fillas de Casandra e Mondra, "tres propostas moi diferentes pero á vez moi completas" que desvelarán como acadaron a súa posición actual como artistas. Aitana Cuétara, Josiño Carballo e Ángela Vila, membros de grupos galegos cunha gran traxectoria, tamén aportarán a súa visión.
Hermida destaca a colaboración do Sil Fest, do Nachiños Fest e do Revenidas, que tamén intervirán durante o transcurso das xornadas para contar como sobreviven neste panorama onde "vender a experiencia" prima sobre "vender música". Apunta que este ano só contarán con relatores de Galicia para "demostrar que nós mesmos somos potencia sen necesidade de contar con experiencias doutros sitios".
A xornada do venres 28 comezará con "tres ou catro" concertos de artistas de Pontevedra. Un deles terá lugar na Sala Karma "para facer un pouco de ruido", segundo apunta Marcos Rivas, de cara ás programacións do sábado.
Durante a presentación, Rivas denunciou como a burbulla de festivais está a afectar ás salas de concertos. Confesa que "estamos vendendo poucos tickets" e que programas como Cabos Soltos son moi importantes "para que a xente recorde que nos bares ou nunha sala tamén hai música, arte e cultura". Pide ás bandas e artistas "que nos escriban máis porque estamos un pouco escasos".
Todos os artistas ou grupos que residan en Pontevedra e aqueles locais que desexen participar poderán presentar a súa inscrición a través do correo electrónico [email protected].