Visitas guiadas para coñecer O río da vida, o mural que Manuel Moldes pintou na UNED en 1987

Pontevedra
19 de novembro 2024

A actividade 'Manuel Moldes. O río da vida' conta coa colaboración do Concello e busca desentrañar algúns dos seus segredos. Tamén fará parada nalgúns dos puntos da cidade que serviron de inspiración

Mural de Manuel Moldes na UNED
Mural de Manuel Moldes na UNED / Fundación Manuel Moldes

A Fundación Moldes e o Concello de Pontevedra organizarán o sábado 23 de novembro unha visita guiada ao mural ‘O río da vida’, que o artista pontevedrés pintou na UNED no ano 1987.

Con esta visita, búscase desentrañar algúns dos segredos deste mural de máis de 12 metros que recibe a todos os visitantes da UNED.

Trátase da obra de maior tamaño que se conserva de Manuel Moldes, pois fixo unha maior, pero efémera, no Museo de Pontevedra.

A obra fala de temas universais como o coñecemento ou a mesma vida e tamén recolle tradicións, lendas, oficios ou costumes da nosa terra.

Como é habitual na obra de Moldes, utiliza elementos de Pontevedra e a súa contorna como lenzo sobre o que pinta o mundo.

Esta visita inclúe unha parada no propio mural e tamén un percorrido por algúns dos puntos de Pontevedra que serviron de inspiración para o artista.

A actividade 'Manuel Moldes. O río da vida' é de balde e aberta a todo o público, máis cómpre ter en conta que o traslado ata a sede da UNED e a volta ao centro da cidade farase en autobús.

As prazas son limitadas. A inscrición realizarase mediante correo electrónico á dirección info@fundacionmanuelmoldes.org.