Sostén Francisco Castro que o de Pontevedra é "un museo infinito" que se podería visitar 50 días sen que se esgoten as posibilidades de seguir explorando e atopando tesouros. A afirmación baséase na experiencia persoal do actual director da editorial Galaxia, pero, domingo tras domingo, confírmase coas 'Visitas Cruzadas' postas en marcha pola Deputación Provincial para permitir ao público percorrer o Sexto Edificio e o Edificio Sarmiento da institución cultural desde a perspectiva de personalidades destacadas dos máis diversos sectores.
As catro citas da primeira edición de 2017 e as tres que xa leva este abril de 2018 dan a razón a Francisco Castro, que este domingo compartiu a experiencia como guía museístico coa comunicadora e actriz Nieves Rodríguez. O amplo abano de posibilidades que ofrecen os fondos do Museo de Pontevedra levounos a facer dous percorridos completamente diferentes entre eles.
Nieves Rodríguez, galardoada como mellor comunicadora na pasada edición dos premios Mestre Mateo, compartiu cos 50 asistentes -divididos en grupos de 25- unha visita moi ligada ao sector audiovisual ao que dedicou o seu traxectoria profesional, aínda que sempre desde un ton reivindicativo no que denunciou tanto o "maquillaxe" que os medios de comunicación fan en moitas ocasións da realidade galega como a "precariedade" de todos os traballadores e a "discriminación salarial, laboral e de funcións" que sofren as mulleres.
A comunicadora fixo un repaso por seis obras doutros tantos autores -tan só cinco na primeira das visitas- utilizando como fío condutor os paralelismos que atopa entre todos eles e o audiovisual galego actual. Empezou forte, co cadro 'Festa galega' de Fernando Álvarez de Sotomayor (1917), de quen destacou que pintaba nunha época na que en Galicia "pasaban un montón de cousas e non as reflectía", tales como a crise migratoria da comunidade, exactamente a mesma actitude que atribúe aos medios de comunicación actuais, que "moitas veces falsean cousas" e, como facía os representantes do regionalismo, "contan todo como idílico e non a realidade".
As 'Viúvas de Náufragos' de Jesús Corredoira lembráronlle a Nieves Rodríguez ao seu traballo, pois as protagonistas deste cadro quedaron sen marido nin posibilidade de reinventar a súa vida, a mesma situación na que se atopan moitos profesionais dun sector audiovisual, que "coa crise se precarizou moito".
A diferenza de Álvarez de Sotomayor e Corredoira na súa seguinte parada, a obra de Alfonso Daniel Rodriguez Castelao, atopa Nieves Rodríguez a un autor que " non maquilla a realidade" e utilízao como exemplo do papel que debe xogar un artista e tamén o sector audiovisual galego, "defender Galicia e o orgullo de ser galegos".
A escultura 'Galicia, Nai e Señora' de Uxío Souto permitiulle insistir en que Galicia é unha das poucas nacións "das que se fala en feminino" e no ano 1926 en que se esculpiu esta obra e na actualidade é unha comunidade de "mulleres fortes e valentes" mentres que o cadro de Leopoldo Novoa que representa 'Vendedor ambulante en Buenos Aires' e ' Paisaxe mariñeiro' levouna a achegarse a unha realidade que segue moi viva, a da emigración.
O percorrido de Francisco Castro coincidiu co de Nieves Rodríguez nun valse compartido na metade da sesión e tamén nun autor, Castelao, que, no seu caso, supuxo o colofón a unha selección de obras que comezou pola prehistoria. Fixo un repaso por un abano temporal amplo que lle permitiu construír o seu discurso desde o global dunha época na que en Galicia comezaron as primeiras manifestacións artísticas ao mesmo tempo que no resto do planeta a un momento no que o local cobra importancia e singularidade.
"Desde o primeiro momento, o ser humano quixo deixar pegada no mundo", lembrou o director de Galaxia mentres percorría as salas do Museo dedicadas á vida prehistórica e as primeiras manifestacións de que "o ser humano é un animal emocional" que "persegue a beleza por encima de todo" e desde sempre buscou unha arte que "intentaba non ser efémera".
Fronte a esas concepcións universais da arte e a literatura. quixo centrarse en Castelao como referencia para mostrar outra perspectiva das manifestacións artísticas como forma de "expresar a singularidade" e "polo tanto, que nos permite ser libres" e tamén para reivindicar que "a medida da grandeza dun autor é a capacidade de perdurar no tempo" e o autor de Rianxo fíxoo con obras que seguen de plena actualidade co paso das décadas.
As 'Visitas Cruzadas' deste ano 2018 están a chegar ao seu fin, pero as persoas interesadas en participar nesta iniciativa nova e innovadora aínda teñen unha última oportunidade. O vindeiro domingo está programada a cuarta visita deste ano, centrada en dous profesionais destacados do mundo do cinema en Galicia, Margarita Ledo e Xacio Baño.
As persoas interesadas en inscribirse poderán enviar un correo electrónico á dirección [email protected] a partir das 8.00 horas deste luns 23 de abril. Convén lembrar que para as tres visitas anteriores as 50 prazas dispoñibles esgotáronse en cuestión de minutos.