'Visitas Cruzadas' para coñecer o Museo de Pontevedra desde a visión de oito personaxes da cultura galega

Pontevedra
26 de abril 2017

Uxía Senlle, Jorge Coira, Isabel Risco, Manuel Gago, María Lado, Kiko Novoa, Iria Collazo e Quico Cadaval participarán como guías ocasionais nunhas visitas, que se celebrarán os catro domingos do mes de maio, nas que darán unha visión persoal dos fondos do museo pontevedrés

Manuel Gago, Carlos Valle, Xosé Leal e Uxía Senlle presentan 'Visitas Cruzadas'
Manuel Gago, Carlos Valle, Xosé Leal e Uxía Senlle presentan 'Visitas Cruzadas' / PontevedraViva

Coñecer o Museo de Pontevedra e que "non exista persoa que non o vexa como algo seu". Ese é o obxectivo das 'Visitas Cruzadas', iniciativa que a Deputación de Pontevedra poñerá en marcha para "espertar sentimentos e emocións" mentres se descobre o "museo nacional de Galicia", explicou Xosé Leal.

O deputado provincial de Cultura deu a coñecer este proxecto, que se desenvolverá os catro domingos do mes de maio e no que oito personaxes relevantes no panorama cultural galego exercerán de guías ocasionais dando unha visión persoal dos fondos do museo pontevedrés.

"Ten como finalidade abrir novos territorios e que xentes dispares se acheguen ao Museo", sinalou á súa vez o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle.

Cada un destes personaxes escollerá unhas pezas concretas ou unha colección do Museo e irá explicando a súa visión persoal sobre as mesmas e os seus sentimentos cara a elas, sempre co apoio e asesoramento do gabinete didáctico da institución.

En cada unha das xornadas coincidirán dous personaxes, que guiarán a grupos reducidos de 25 persoas (50 por xornada). Ao cabo de media hora de visita, os participantes intercambiarán o seu guía para continuar co percorrido.

As encargadas de inaugurar as Visitas Cruzadas o domingo 7 de maio serán a actriz Isabel Risco e a cantante Uxía Senlle, quen recoñeceu que "tratarei de transmitir o orgullo de ter un museo que nos represente". A seguinte xornada, o día 14 de maio, será a quenda do cineasta Jorge Coira e o xornalista e blogger Manuel Gago. O domingo 21 de maio os protagonistas serán a actriz e poetisa María Lado e o xornalista Kiko Novoa, mentres os encargados de pechar o ciclo o 28 de maio serán a escritora Iria Collazo e o actor e dramaturgo Quico Cadaval.

A inscrición para estas xornadas é de balde, e abrirase o luns previo a cada unha das visitas por rigorosa orde de solicitude a través do correo electrónico [email protected]. Poderán anotarse un máximo de catro acodes por correo electrónico co único requisito de ser maior de 14 anos. 

Todas as visitas darán inicio ás 12:00 horas e finalizarán cun petisco na planta superior do Sexto Edificio no que se pretende que funcione como un espazo de intercambio de opinións e ideas entre os participantes.