A Praza da Peixería converterase por méritos propios nun escenario digno de Eurovisión. Será o sábado 7 de decembro cunha noite chea de música, a que ofrecerá o concerto Vilavisión.
Trátase dun evento que se enmarca dentro do XXXII Congreso da Asociación de Eurovisión de España, que acollerá Vilagarcía de Arousa entre os días 6 e 8 de decembro.
Tres son os primeiros artistas confirmados para este concerto.
A primeira delas é Lucía Pérez, a única galega que representou a España en Eurovisión. Foi en 2011 co tema Que me quiten lo bailao.
Xunto a ela estará Carlos Higes, o cantante valenciano que, no ano 2022, foi o representante español en Eurovisión Junior, onde obtivo o sexto lugar coa canción Señorita.
O toque internacional achegarao Bashar Murad, un artista palestino que estivo a piques de participar no último festival de Eurovisión por Islandia. Quedou segundo na preselección.
Murad, ademais de cantar, participará no congreso para abordar a situación palestina, a igualdade de xénero en Oriente Medio e o poder transformador da música na sociedade.
Fiel ao espírito de Eurovisión, que promove a unión a través da música, todos os beneficios obtidos da venda de entradas para Vilavisión destinaranse a apoiar ás familias afectadas pola recente dana na Comunidade Valenciana.
As entradas para este evento, gratuíto para os socios da asociación, están dispoñibles a través da plataforma Klapper.
Os prezos oscilarán entre 23 euros para a entrada xeral e a accesible e 38 euros para o pack familiar, que inclúe un adulto e un menor de 16 anos.
Ademais, habilitarase unha Fila 0 para quen desexen colaborar aínda que non poidan asistir ao evento, segundo avanza a organización, que promete dar a coñecer nos próximos días a novos artistas invitados e as actividades que completarán este fin de semana eurovisivo en Vilagarcía.