O New Millennium International Chamber Music Festival (NMICMF) naceu en Budapest da man da súa directora artística, a violinista Miranda Liu. E foi precisamente grazas á coordinación entre Miranda Liu e a Sociedade Filarmónica de Vilagarcía, co apoio dos fondos europeos de Erasmus+, que o festival celebrará unha edición especial na capital arousá.
Vilagarcía convértese así na única sede española deste festival internacional de música de cámara, que en 2023 tamén visitará Budapest, Viena e Sofía.
A programación do NMICMF inclúe un variado e intenso programa de masterclasses, no que participarán 40 alumnos chegados desde toda Europa que foron bolseiros pola Academia organizadora do festival.
O festival acollerá ademais 4 concertos en espazos tan emblemáticos da cidade como o Auditorio Municipal, o Salón García, o Pazo de Rubianes ou Pazo O Castriño.
O asesor artístico do festival, Pablo Vidal, destacou que os oito artistas invitados, que serán os responsables de impartir as masterclass e de ofrecer os concertos, "son refrentes mundiais da música de cámara". Entre eles figuran dous músicos galegos, Inés Picado (viola) e Darío Mariño, clarinete.
A directora artística do festival, Miranda Liu, que participou en liña na presentación do festival, subliñou a vertente formativa do evento. "Tentamos que os estudantes que participan nestas masterclass poidan aprender cousas que non ensinan nos Conservatorios nin nas universidades e dotarse así de ferramentas que lles poidan ser útiles no seu desenvolvemento profesional futuro", explicou.
Para a concelleira de Cultura de Vilagarcía, Sonia Outón, a realización deste festival na capital arousá vén a "reafirmar a aposta de Vilagarcía pola música clásica e reforzar o noso posicionamento no mapa internacional da música de cámara".