A partir do luns 21 de xuño, Vilagarcía de Arousa poñerá en marcha un proxecto orixinal de feira do libro que, ademais de casetas de editoriais, presentacións e sinaturas de libros, ofrecerá un amplo programa de actividades dirixidas a diversos públicos e a todas as idades en relación coa difusión da literatura e o fomento da lectura.
O evento denominado 'Vilagarcía, Cidade do Libro' desenvolverase ao aire libre con entrada gratuíta ata completar o límite de persoas establecido polos protocolos covid. A única excepción a esta práctica será o caso dos roteiros literarios, para as que será preciso inscribirse previamente.
Nesta primeira edición, a cita céntrase na tradición Xacobea, contando co patrocinio da Consellería de Cultura a través do Xacobeo, promocionando o Roteiro Marítimo Fluvial Xacobea.
Pero ao longo da semana iranse tratando outros temas como o papel da muller na literatura, a novela histórica, a relación entre o cinema e a literatura, a novela negra, a literatura infantil e xuvenil ou as historias de fantasía e ciencia ficción.
Organizado polo Concello de Vilagarcía, promocionarase a autores locais e galegos como Carlos Meixide, autor de 'Camiño de paixóns', primeiro premio de novela Camiño de Santiago; Marcos Calveiro, autor de 'O xardineiro dos ingleses' Montse Fajardo, autora de 'Invisibles; e Manuel Oubiña Losada, escritor de 'O misterio da illa de Cortegada'.
Tamén terán cabida ilustradores como Kiko Da Silva e Miguelanxo Prado ou guionistas como Elio Quiroga. En total 18 escritores pasarán por este evento que durará ata o 27 de xuño con firmas como Jorge Molist, María Oruña, Idelfonso Falcones, Domingo Villar, Marilar Aleixandre, Ledicia Costas ou Paula Carballeira; ademais de autores que lideran listas de vendas como Nacho Carretero, Pedro Feijoo ou Manuel Loureiro.