Vilagarcía mergúllase no corazón do cómic español cunha mostra de revistas dos anos 70 e 80

O Salnés
17 de marzo 2025

Con motivo do Día do Cómic, a Biblioteca Municipal Rosalía de Castro presenta desde o 17 de marzo unha exposición centrada no boom do cómic adulto en España, con exemplares dispoñibles para consultar e levar en préstamo

Mostra de cómic adulto en Vilagarcía
Mostra de cómic adulto en Vilagarcía / Concello de Vilagarcía de Arousa

A Biblioteca Municipal Rosalía de Castro  de Vilagarcía de Arousa acolle dende este luns 17 de marzo unha exposición para festexar o Día do Cómic, recoñecendo o valor histórico e cultural deste medio.

A data escollida para esta celebración coincide co aniversario do inicio de publicación da revista de historietas TBO en 1917, un referente do cómicen España que popularizou e deulle nome a este modelo editorial.

A mostra, situada na zona de entrada da biblioteca, pon en valor unha etapa clave do desenvolvemento do cómic: o boom do cómic adulto entre 1977 e 1985.

En representación desta época que marcou a varias xeracións, exhíbense exemplares das revistas máis icónicas dos anos 70 e 80, como Cairo, Cimoc, Zona 1984, El Víbora, Bésame Mucho, Makoki, Comix Internacional, Creepy e Rambla, onde autores nacionais como Miguelanxo Prado, Mique Beltrán, Max, Nazario ou Luis Royo iniciaron as súas carreiras profesionais.

Parte das publicacións están expostas en vitrinas, mentres que outras poden ser solicitadas ao persoal da biblioteca para a súa consulta, que está limitada a usuarios adultos debido a algúns dos contidos dos exemplares. 

A época representada nesta mostra bibliográfica, coincide coa chegada da democracia e o fin da censura, que permitiron o desenvolvemento de historias máis maduras e con maior liberdade creativa.

As revistas convertéronse nun reflexo dos cambios políticos e sociais do momento, abordando novas temáticas e introducindo xéneros innovadores como o terror, ou a ciencia ficción nun inicio, e a erótica, a crítica social,contracultura e o cómic underground posteriormente.

Exposición de cómic adulto na Biblioteca de Vilagarcía
Exposición de cómic adulto na Biblioteca de VilagarcíaConcello de Vilagarcía de Arousa

Ademais destas publicacións históricas expostas, a biblioteca dispuxo nos estantes adxacentes unha selección de cómics representativos que os usuarios poderán levar en préstamo.

Esta selección inclúe títulos da época, así como obras máis actuais cun marcado perfil underground, mantendo viva a esencia do cómic alternativo e independente.