Vilagarcía acolle o ballet clásico 'A Bela Adormecida' de Tchaikovsky

O Salnés
19 de marzo 2014

O espectáculo será o domingo 23 no Auditorio a partir das 19:00 horas e as entradas poden adquirirse a un prezo de 10, 8 e 6 euros

'A Bela Adormecida' do Centro Coreográfico Galego
'A Bela Adormecida' do Centro Coreográfico Galego / Centro Coreográfico Galego

O Auditorio Municipal de Vilagarcía acolle este domingo 23, a partir das 19.00 horas, o espectáculo de danza e ballet clásico A Bela Adormecida, a última produción do Centro Coreográfico Galego que, para a ocasión, interpretará o conto de Perrault coa música de Tchaikovsky gravada pola Orquestra Sinfónica de Galicia.

Este espectáculo foi estreado hai un mes no pazo da ÿpera da Coruña. Trátase dunha montaxe de gran vistosidade que concentra en dous actos un dos ballets máis famosos do repertorio clásico internacional.

A primeira parte céntrase na historia da princesa Aurora escrita polo francés Charles Perrault, mentres que a segunda parte corresponde ao terceiro acto do orixinal e recrea outros contos do mesmo autor, como 'O gato con botas', 'Carapuchiña vermella' ou 'O paxaro azul'.

A dirección deste ballet corre da man de Mercedes Suárez e o elenco compóñeno os bailaríns profesionais do CCG: Astrid Molinero, Juan Miguel Hernández, Miguel Ángel Ponte, Ailen Ramos, Carmen Aparicio, Jesús Benzal, Carlos Huerta, Paula Montoya, Rubén Ventoso y José Luis Cibreiro.

As entradas véndense a 10 euros para a Zona A, a 8 para a B e a 6 para a zona C do patio de butacas. Xa se poden adquirir de xeito anticipado a través da web servinova e da billeteira telefónica 902 504 500 e o día da función a partir das 17:00 horas no Auditorio.