O Museo de Pontevedra vai acoller o vindeiro sábado 11 de xuño un 'Vieiro polo Museo de Pontevedra con Florencio Delgado'.
Trátase dun percorrido pola traxectoria vital e literaria do autor protagonista este ano do Día das Letras Galegas guiado por Polo Correo do Vento a través de artistas que colaboraron con el na revista Vieiros ou tiveron contacto ao longo da súa vida: Castelao, Seoane ou Arturo Souto, entre outros.
A actividade será o sábado ás 12:30 horas e a entrada será libre para público familiar ata completar cabida. Trátase dunha das iniciativas postas en marcha para conmemorar o Día das Letras Galegas, que se iniciaron no mes de maio con varias sesións de contacontos ilustrados dirixidos a escolares co obxectivo de afondar na figura do poeta ourensán.
Xa da man do departamento provincial de Lingua, tamén continúan no mes de xuño as actividades para conmemorar as Letras Galegas coa xira do espectáculo 'De Valdeorras a México. Terra A Nosa'. As representacións, que xa comezaron en maio, seguirán o día 11 ás oito da tarde na Praza de España en Meis.
Trátase dun espectáculo familiar para divulgar a biografía do poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, unha das voces máis senlleiras da literatura do exilio polo que nas actividades de realce da súa figura organizadas dende o organismo provincial era precisa unha programación que tivera como protagonismo á cativada.