O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra 2017 anima a que cada quen manifeste 'O mundo que queremos' e a súa mascota, Orbil, xa deu un paso adiante para manifestalo. O mundo que quere Oribil é verde e está preocupado pola seca deste ano.
Ao longo da tarde deste sábado, Orbil guiou os visitantes nunha 'danza da choiva' moi especial "para que veña a auga que tanto necesitamos" no mundo que queremos e anima a todos a compartir o vídeo que resultou da súa tarde de traballo para que dea o seu froito.
A xornada deste sábado no Salón do Libro incluía varias decenas de actividades máis, entre as que a máis multitudinaria foi o espectáculo de música e teatro Canta connosco!, de Migallas Teatro, pensado para nenos a partir de tres anos.
Baseado no libro-disco- DVD do mesmo nome editado por Kalandraka, achegou aos nenos e maiores asistentes á lectura e os xogos tradicionais fronte ao exceso de TV e de videoxogos. O fomento do galego, a relación entre os avós e os netos e a igualdade foron outros dos aspectos sobre os que xirou a tarde no auditorio do Pazo da Cultura.
A programación do Salón do Libro continúa este domingo cunha programación que se pode consultar aquí.