VÍDEO.- Así están a acometerse as escavacións arqueolóxicas en Santa Clara

Pontevedra
06 de setembro 2022

O Museo de Pontevedra publica o primeiro vídeo sobre os traballos que se están a desenvolver nas instalacións do convento de Santa Clara coa aparición de varias zonas de enterramentos nas que están presentes restos humanos que se someten a estudo

Imaxe do vídeo que amosa os restos humanos atopados en Santa Clara
Imaxe do vídeo que amosa os restos humanos atopados en Santa Clara / Deputación de Pontevedra - Museo de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra, a través do Museo, publicou o primeiro episodio videográfico das escavacións que se realizan no convento de Santa Clara. Serán tres pezas audiovisuais.

Nesta primeira entrega, Rafael Rodríguez Martínez, director da intervención, explica que se están a executar sesenta sondaxes arqueolóxicas nunha superficie de 700 metros cadrados dentro do estudo das instalacións e móstranse imaxes das catas nas que se atoparon novas construcións e elementos estruturais, ademais de zonas de enterramentos dentro do recinto con restos humanos, que se analizan.

Os traballos iniciáronse pola zona leste coa aparición dun lousado relacionado cun edificio desaparecido pertencente ao século XVI e XVII; ademais dunha canle de pedra para abastecer de auga os terreos do convento.

Tamén se indica a aparición de cinco sepulturas, a dous metros de profundidade. Rodríguez Martínez indica que se escavaron tres e nunha apareceron restos humanos moi deteriorados. 

Nas sondaxes no sur e no oeste tamén se traballa para comprobar as estruturas que poden aparecer tras atopar restos difíciles de determinar a falta dun estudo con maior profundidade. 

O punto máis sorprendente é o aparecido na zona norte do claustro con 26 tumbas. Escaváronse dez e nalgunhas atopáronse restos en bo estado de conservación, que serán analizados. Tamén na zona de portería descubriron restos, en cinco tumbas escavadas, documentando tres caixas de madeira, un elemento pouco habitual nestas exploracións arqueolóxicas, con restos humanos no interior.