A Banda Municipal de Música de Caldas de Reis actuou este venres no Certame Internacional de Bandas 'Ciutat de València', o maior referente a nivel mundial no seu ámbito, tendo destacado polo seu bo facer e a súa xuventude e acadando a victoria.
Os 70 músicos participantes amosaron a súa mellor faceta na interpretación das tres pezas establecidas no programa e sorprenderon ao público e ao xurado.
O tenente de alcalde Manuel Fariña, que acompañou á banda en calidade de representante do Concello, pero que tamén participou como intérprete de trompa, destacou o gran traballo realizado e salientou o alto nivel da competición.
Subliñou que todas as bandas, tanto a de Caldas como a Agrupació Filharmònica Borrianenca (Castelló), Societat Musical A Familiar de Benissanó (València), Agrupació Musical Santa Cecilia de Sedaví (València), Asociació Músic Cultural Banda de Música de Puertollano (Ciudad Real) terían sido merecedoras dalgún tipo de recoñecemento, máis neste caso foron a Asociación Cultural Banda de Música de Santádega (Ourense) e a Banda de Música Municipal de Caldas de Reis as que fixeron historia ao acadar os dous primeiros premios, pois é a primeira vez que dúas bandas galegas se fan cos dous primeiros premios neste prestixioso concurso internacional.
Fariña puxo en valor, en calquera caso, a "soberbia actuación" da Banda de Caldas baixo a dirección de Javier Penido tanto ao interpretar a peza obrigada como a de libre elección e a de presentación. No caso da peza ‘Sucro Oppidum’, tratábase dunha obra para Banda Sinfónica composta en 2011 como parte do traballo de fin de carreira de Javier Martínez Campos na especialidade de Composición do Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, que obtivo unha "Segnalazione all ́unanimità" no XXIX Concorso Internazionale dei Composizione per Banda de Corciano (Italia) en 2013.
Cunha duración aproximada duns 15 minutos, a peza rende homenaxe desde unha perspectiva artística, persoal e subxectiva á localidade valenciana de Cullera, municipio situado na ribeira do río Júcar, xunto ao mar Mediterráneo e cun gran pasado histórico e cultural.
As outras dúas pezas interpretadas foron ‘Retrospective’ de Carlos Pellicer como obra libre e o pasodobre ‘La luz del sol’ de Jean Pierre Haeck como peza de presentación. A primeira foi elixida mediante un proceso democrático no que participaron os integrantes máis antigos da formación caldense e a comisión artística da banda. O pasodobre foi escollido polo director ao considerar que se trataba dunha obra na que a Banda de Caldas podía amosar as súas mellores cualidades. Ante a actuación, o xurado valorou a afinación, a calidade sonora e das dinámicas, a calidade artística da interpretación e a súa precisión rítmica.
A Banda de Caldas tivo a honra de ser seleccionada pola organización para competir na 136 edición do Certame Internacional de Bandas de València entre as bandas inscritas, xa que o número de agrupacións excedía o máximo de participantes, un total de 21. A última vez que tomara parte do concurso fora en 2011, mais en 2008 tamén estivera presente da man do director Dani Portas e acadara unha mención honorífica do xurado pola calidade da súa actuación.
O tenente de alcalde de Caldas Manuel Fariña quixo subliñar en nome da Banda a satisfacción polo traballo feito este 2024 e sinalar o sentimento da inmensa maioría da agrupación de que a súa participación no certame era "unha homenaxe ao seu anterior director, falecido o pasado ano".
Fariña destacou tamén que a súa Concellería apoiará á Banda de Caldas na súa traxectoria en todo o que estea na man, xa que a participación no ‘Ciutat de València’ non só puxo de manifesto o talento musical existente en Caldas de Reis –"de primeira división", insistiu-, senón que tamén valeu para dar a coñecer internacionalmente a vila termal nun contexto cultural internacional. Abriu así a porta a futuras axudas para participar en vindeiras edicións. Neste ano o Concello achegou 10.000 euros para subvencionar á Banda no desprazamento e estancia durante o certame.