Víctor Manuel substituirá a Bunbury como o gran concerto do Xacobeo en Pontevedra

Pontevedra
19 de xullo 2022

Actuará en Pontevedra o luns 22 de agosto pero, a diferenza do recital que ía ofrecer o ex líder de Heroes del Silencio, non será un concerto de pago. O Xacobeo, promotor desta actuación, chegou a un acordo co Concello para que sexa de entrada libre e gratuíta

Víctor Manuel
Víctor Manuel / Ion Música

Bunbury, cuxa actuación en Pontevedra dentro da xira de despedida do artista tivo que ser suspendida por problemas de saúde que lle obrigaron a adiantar a súa retirada, xa ten substituto. Será Víctor Manuel, unha das voces máis veteranas e respectadas da música española.

Actuará en Pontevedra o luns 22 de agosto pero, a diferenza do recital que ía ofrecer o ex líder de Heroes del Silencio, non será un concerto de pago.

O Xacobeo, promotor desta actuación dentro da súa programación musical para toda Galicia, chegou a un acordo co Concello para que sexa de entrada libre e gratuíta.

Por ese motivo, o concerto celebrarase na Praza de España, aproveitando toda a infraestrutura instalada para as Festas da Peregrina, que nesta ocasión terán unha especie de continuidade, un día máis do previsto, con esta actuación.

 

Víctor Manuel chegará a Pontevedra dentro da xira que iniciou para celebrar os seus 75 anos. Faino cun espectáculo que denominou La Vida En Canciones - El escenario todo lo cura, no que repasa os grandes temas da súa prolífica e exitosa carreira artística.

O de Pontevedra é, por agora, o seu único concerto en Galicia programado para os próximos meses, dentro desta xira dos seus 75 anos.