A organización do festival Río Verbena Fest, que terá lugar os días 25 e 26 de agosto na chaira do Recinto Feiral de Pontevedra, deu a coñecer este venres os horarios dos seus 18 concertos. A banda Vetusta Morla, cabeza de cartel do evento, actuará o sábado ás 23.45 horas.
As actuacións comezarán o venres 25 pola tarde. Nesta primeira xornada están programadas actuacións de grupos de estilo urbano, mentres que o segundo día é para amantes da música indie e pop.
Os primeiros en subir ao escenario serán Chroma, ás 19.15 horas do venres no escenario 2. Trueno será o seguinte ás 20 horas no escenario Xacobeo. En escenarios alternos, continuará A Mosca Valente ás 21.15 horas, seguido de SFDK ás 22 horas.
O Rabelo comezará ás 23.15 no escenario 2, mentres que Dellafuente, outro dos cabeza de cartel, actuará a medianoite no escenario Xacobeo. Pecharán a xornada Tom Archi e Certain People á 1 e 1.45 horas, respectivamente.
Ao día seguinte, a actividade comezará ás 18 horas no escenario 2 con Desconcerto. Blanco Palamera subirá o pano do escenario Xacobeo ás 18.45 horas, para continuar tamén alternando escenarios con Condutores Suicidas (19.30h), Jenny and the Mexicats (20h) e Marila Monzón (21h).
O concerto de Xoel López no escenario Xacobeo está programado para as 21.45 horas, mentres que Frecha Valona continuará no escenario 2 ás 23 horas.
A actuación de Vetusta Morla, principal reclamo desta segunda edición do festival, comezará ás 23.45 horas no escenario Xacobeo. E os encargados de pechar o Río Verbena Fest serán The Rapants (1.15h) e Galician Army (2h).
HABEMUS HORARIOS
— Río Verbena Fest (@RioVerbenaFest) July 28, 2023
E celebrámolo sorteando dous abonos no noso perfil de Instagram pic.twitter.com/qpWLP1CgP9