Doce membros dun xurado popular encérranse nunha sala co cometido de ditar veredicto sobre a culpabilidade ou inocencia dun mozo acusado de acoitelar a súa nai e que pode acabar condenado á morte. Son doce cidadáns ariscos, complexos e en continua tensión que, a través dos seus debates, reflexionan sobre a pena de morte, o egoísmo na sociedade e a opinión pública. Son os doce protagonistas de '12 sen piedade', a última montaxe da Aula de Teatro Municipal de Pontevedra (ATM), que poderá verse este sábado 20 de xuño na Casa da Cultura de Marcón.
Vanesa Moreira, Paco Pernas, Carmen Rodiño Díaz, Pilar Boullosa, Mercedes Pardavila, Luis Portas, Helena González, Laura Serén, Sara González, Antonio Morillo, Pablo Currás e Diego Chamizo darán vida a eses doce xurados. Todos eles son actores afeccionados da ATM e, baixo a dirección de Anxo Lourido e coa iluminación de Ledicia Seoane, escenificarán o espectáculo a partir das 22.00 horas.
'12 sen piedade’ ofrecerá unha proposta innovadora dentro das montaxes da ATM, na que se rompe a cuarta parede e os actores están rodeados polo público. O obxectivo é que os espectadores se integren na trama da obra asumindo que eles tamén poderían formar parte dun xurado popular coa responsabilidade de tomar decisións sobre a vida dunha terceira persoa.
A montaxe é unha versión dun dos textos teatrais máis coñecidos e representados dende a súa primeira representación en 1954, ‘Twelve Angry Men’, do autor norteamericano Reginald Rose. O reparto, formado por sete actrices e cinco actores de entre 14 e 60 anos, leva traballando dende o mes de novembro de 2014 na posta en escena do texto teatral e na elaboración do perfil de cada un dos personaxes.
A do sábado será a segunda estrea da ATM neste ano 2015, no que chega aos 15 anos de actividade. 'Banqueiros' foi a primeira, unha comedia baseada en textos de diversos autores galegos e representada por outros oito intérpretes afeccionados da Aula de Teatro que o 30 de maio encheu o aforo do Centro Cultural de Monte Porreiro. Entre os máis de 300 espectadores que asistiron a esta estrea atopábase a escritora pontevedresa e académica da Real Academia Galega Fina Casalderrey.
Durante estes 15 anos de actividade formativa, a Aula ten acadado numerosos premios en certames teatrais galegos e estatais en Reinosa (Cantabria), Villacañas (Toledo), Laxe, Cabana de Bergantiños ou Campo Lameiro. Obtivo recoñecementos aos mellores espectáculos e interpretacións con montaxes como ‘Un millón de vacas’, ‘O mellor dos mundos’ ou ‘A caída do conselleiro’. Dende a súa creación, formou actores como Beatriz Campos, Santiago Cuquejo ou Pepe Castejón, que na actualidade se están a iniciar a súa carreira profesional.