A Sala Karma volveu ser testemuña dunha nova e exitosa edición do Black Hole. O evento organizado por Queco Lago reuniu este venres a un gran número de músicos de Pontevedra e arredores que puideron gozar, unha vez máis, da oportunidade de amosar o seu talento ao público.
O evento comezou ao redor das 21:30 horas, e seguindo a tendencia de todas as súas edicións, logrou encher a sala asinando unha noite na que música e talento local foron protagonistas.
Toda clase de xéneros musicais, con cancións versionadas e outras propias xunto a un gran número de actuacións foron os ingredientes deste micro aberto que permite dar un espazo a todo aquel que queira compartir o seu talento.
Por esta edición do Black hole pasaron artistas habituais como Alba Blanco, Rodrigo Valiente ou o cantante do grupo pontevedrés Skirl Javi Pascual, que quixo celebrar o seu trixésimo aniversario actuando, como é habitual, neste evento.
Doutra banda puidemos ver novas propostas no escenario de Sala Karma tales como o "combo" all stars formado por Doc, Arrax, Luisillo, Alexandre e Villyfloka.
Novas agrupacións como Sindicato de Humildes, formado polos habituais do Black Hole Martín Balboa ou Adrián Outeda xunto a outros recentemente chegados como Marcos Garrido ou Claudio López, deixáronnos algunhas das actuacións máis memorables da noite.
Proxectos tan interesantes comoLacón sen Jrelos, O 4º sentido ou Adrián Timms tamén tiveron gran acollida entre a xente.
Outro dos momentos deste Black Hole protagonizouno o grupo pontevedrés La Casa de los Ingleses, que abriron a velada xunto a Queco Lago baixo o nome de La Casa del Lago. A canción elixida para inaugurar a noite foi "Reconstrución" de Deluxe, anterior proxecto do músico Xoel Lopez.