Vendidos nun só día 6.000 abonos do PortAmérica 2025 para os máis 'crentes'

Umia
19 de xullo 2024

A case un ano vista da súa próxima edición, fixada para os días 3, 4 e 5 de xullo de 2025, o festival musical que se celebra na Azucreira de Portas esgotou a promoción de abonos dispoñibles para os 'crentes', é dicir, sen desvelar aínda ningún dos artistas que formarán parte do cartel

PortAmérica 2024
PortAmérica 2024 / Mónica Patxot

Falta case un ano para a próxima edición do PortAmérica, pero a cita ten garantida xa o éxito de público a teor da gran acollida que tivo a venda de abonos para os 'crentes'.

O festival musical, que se celebrará en 2025 os días 3, 4 e 5 de xullo na Azucreira de Portas, puxo á venda o pasado mércores unha cota de entradas a prezo reducido sen desvelar aínda ningún dos artistas que formarán o seu cartel.

A resposta foi un 'sold out' nesta promoción, e é que se despacharon nun só día 6.000 abonos cun prezo de partida de 65 euros (máis gastos de xestión).

Na súa última edición, o PortAmérica resultou todo un éxito de asistencia esgotando todas as entradas e abonos dispoñibles e congregando ao longo dos tres días de festival a máis de 45.000 persoas.