Unhas xornadas lembran no campus a figura de María Victoria Moreno

Pontevedra
28 de novembro 2017

A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil Gálix organizou este martes un coloquio na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte sobre a escritora María Victoria Moreno, homenaxeada no Día das Letras Galegas 2018 

Xornadas para lembrar a figura de María Victoria Moreno
Xornadas para lembrar a figura de María Victoria Moreno / DUVI

A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil Gálix organizou este martes un coloquio na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte sobre a escritora María Victoria Moreno, homenaxeada no Día das Letras Galegas 2018. 

A tamén escritoria Fina Casalderrey destacou que foi "unha das pioneiras en abrir as portas da literatura infantil e xuvenil" ao galego e tivo o mérito engadido de "abrazar unha lingua que fixo súa". Ademais, destacou que era un "ser humano excepcional".

As xornadas 'Desfacendo a raia' tamén contaron coa participación do ilustrador Manuel Uhía, que traballou coa homenaxeada, e teñen o obxectivo de pór en valor tanto a literatura infantil e xuvenil e a literatura feita por mulleres.

A segunda edición destas xornadas foi inaugurada polo docente e secretario da Comisión PEA-Unesco do centro, Miguel Cuevas, e o presidente de Gálix, Xosé Antonio Perozo. Cuevas lembrou que esta actividade insírese no mes da memoria e da muller, que leva anos celebrándose na facultade.

Uhía lembrou o momento no que coñeceu a María Victoria Moreno e esta o convidou a ilustrar o que sería o seu primeiro libro e Casalderrey quixo lembrar tanto as virtudes literarias como persoais dunha escritora coa que "tiven a sorte de convivir bastante de preto os seus últimos 15 anos".

Casalderrey salientou que esta catedrática de ensino secundario "non escribiu moito porque para ela o primeiro era o alumnado, os seus cachorros, como lles chamaba" e "dicía cousas como que o meu corazón florece nas aulas".

A escritora destacou a importancia de libros como Mar Adiante, de 1973, "un deses libros pioneiros da literatura infantil que hoxe segue a ser un libro extraordinario"; Anagnórise, "o seu libro máis celebrado"; ou Diario da luz e da sombra, publicado o ano antes do seu falecemento, "no que se abre a corazón aberto, un libro que foi como un último testamento vital, ademais dunha marabillosa peza literaria".