Vilagarcía de Arousa estrea a tempada teatral de outono esta fin de semana. Coincidindo co inicio do curso escolar, o primeiro dos espectáculos programados pola Concellería de Cultura ten como destinatario ao público infantil e familiar. Trátase da obra da compañía Caramuxo Teatro "A nena que vivía nunha caixa de mistos", inspirada no conto clásico de Hans Christian Andersen "A vendedora de mistos", que se representará o sábado 23 de setembro a partir das 18:00 horas no Auditorio Municipal.
Con este espectáculo, a compañía coruñesa gañaba o Premio María Casares ao Mellor Espectáculo Infantil neste 2023. "A nena que vivía nunha caixa de mistos" é a terceira parte da triloxía sobre os contos populares que Caramuxo empezou con "As fabas máxicas", continuou con "Feo" (que tamén foi vencedora do Premio María Casares ao Mellor Espectáculo Infantil) e remata con esta nova montaxe.
Unha proposta de teatro de actriz e monicreques case sen palabras que recorda ás películas clásicas en branco e negro. Ademais, conta con música en directo e unha coidada posta en escena. A obra preséntase como unha peza cunha linguaxe contemporánea e multidisciplinar que trata o tema da pobreza infantil e a orfandade, mais cunha mensaxe positiva, sobre o poder do cambio.
A entrada xeral para asistir a esta función custa 5 euros e a infantil (ata 13 anos) 3 euros, o mesmo prezo que para os colectivos bonificados (maiores de 65 anos, titulares do carné xove e persoas desempregadas). Os billetes poden adquirirse anticipadamente a través de www.ataquilla.com. De non esgotarse antes, tamén se porán á venda o mesmo día da función na billeteira do Auditorio a partir das 16:00 horas.