Unha ruta para descubrir a figura do viño nas letras de Valle Inclán, Rosalía e Cabanillas

Umia
13 de setembro 2017

Os participantes gozarán dun recital de poesía a cargo de Luis del Olmo, visitarán dúas adegas da zona e realizarán diferentes rutas guiadas pola contorna natural de Portas

Detalle da escultura de Ramón Cabanillas es Cambados
Detalle da escultura de Ramón Cabanillas es Cambados / Luis Miguel Bugallo

O Centro Asociado á UNED en Pontevedra organiza xunto ao Concello de Portas e o departamento de Actividades Culturais da UNED unha ruta literaria que terá lugar os días 7 e 8 de outubro e que ten como obxectivo achegar ao participante as obras de Valle Inclán, Rosalía e Cabanillas e a relación destas co viño, unha bebida moi presente na vida e tradicións galegas.

A ruta comezará cunha recepción na aula UNED de Portas e unha ruta guiada polas sendas de Domingo Fontán a cargo dun representante da súa fundación. Posteriormente, os asistentes asistirán a un relatorio centrado na obra de Valle Inclán impartida polo escritor e crítico literario José Antonio Ponte Far. 

Tras o xantar, os inscritos visitarán a adega e viñedos de Terras de Lantaño e asistirán a un recital poético-musical a cargo de Luis del Olmo e do barítono Luís Santana. 

O día 8 está dedicado a coñecer as figuras de Rosalía de Castro e Ramón Cabanillas e a presenza do viño nos seus textos literarios da man da experta María del Rocío Acha Barral. Este día, os participantes visitarán tamén unha adega da zona e gozará dun xantar e unha cata de augardentes e licores tradicionais galegos maridados con repostería típica de Portas. 

Coa organización desta actividade cultural, o centro asociado pretende dar a coñecer a estudantes, traballadores e profesores da UNED de toda España as posibilidades turísticas e culturais do Concello de Portas, así como o seu rico patrimonio cultural, natural, etnológico e gastronómico. 

Todas as persoas interesadas poderán inscribirse na actividade a través da páxina web da UNED-Pontevedra, chamando por teléfono ao 986851850 ou dirixíndose á Aula UNED de Portas. A ruta inclúe o traslado desde Pontevedra, as comidas e ceas, autocar, guía e entradas a museos e ofrece a posibilidade a todas aquelas persoas interesadas de reservar aloxamento en habitación individual ou dobre.

O prazo de inscrición na actividade permanecerá aberto do 4 ao 28 de setembro.