O Cinemóbil 3, unha réplica do camión-cine patentado polo cineasta pontevedrés José Gil. chegará esta semana a Cuntis. Trátase dun cine ambulante cun proxector incorporado que este pioneiro usaba para proxectar películas por toda Galicia.
A chegada deste cine a Cuntis non é casualidade, senón que José Gil (Rubiós, As Neves, 1870 - Vigo, 1937) mantivo durante a súa carreira un grande interese polo termalismo e os balnearios da provincia, achegando estes escenarios a súa produción artística e botando man dos seus beneficios para a saúde. En 1934 José Gil, xa enfermo, fíxose asiduo do Balneario da Virxe en Cuntis.
A súa ligazón co municipio de Cuntis forma parte das actividades de promoción do seu traballo, dentro dun programa itinerante que percorre Galicia para amosar tanto o peso de Pontevedra como provincia de cine, como o seu papel na orixe desta industria.
As actividades comezarán este venres 3 de febreiro cunha xornada para escolares que se prolongará desde as 16.00 ata as 19.30 horas. Será no Centro Patelas e contará cunha visita guiada polo historiador e investigador Manolo González.
Tamén se van visionar varias das películas de José Gil e a sesión rematará cunha antoloxía de imaxes das máis de cen películas dirixidas polo cineasta pontevedrés.
Na xornada do sábado do Cinemóbil3 estará aberto ás veciñas e veciños que queiran coñecer esta vehículo. Manolo González e Ignacio Vilar serán os encargados de dirixir a visita en horario de 10.00 a 12.00 horas. O vehículo estará estacionado na rúa da Igrexa.
Ás 12.00 horas terá lugar a presentación do libro Nos días encantados de agosto, obra de Manolo González e publicada o ano pasado por Editorial Galaxia, que toma o título dunha das películas de José Gil, que sempre rodaba en agosto.
Ao remate da presentación haberá unha sesión vermú coa Banda de Música de Caldas de Reis dirixida Javier Penido, que interpretará temas que José Gil utilizaba nas súas proxeccións.
Pola tarde, retomaranse as proxeccións de Vertixe, de Harold Lloyd (1921); Kin auto Race at Venice (1914), de Henry Lehrman; unha antoloxía de imaxes dos filmes de José Gil e un documental final.