Unha perspectiva global sobre a Guerra Civil, a represión e o exilio xa está presente no Edificio Castelao

Pontevedra
30 de xuño 2021

Xosé Manuel Rey, director do Museo, presentaba este martes oficialmente a nova sección do Edificio Castelao destacando a importancia de rotar pezas "en reserva" dos fondos da institución e a presenza de obras de Federico Ribas, Arturo Souto e Uxío Souto neste novo espazo

O guitarrista Samuel Diz durante o concerto no Edificio Castelao
O guitarrista Samuel Diz durante o concerto no Edificio Castelao / Museo de Pontevedra - Deputación de Pontevedra

A investigación sobre a Guerra Civil, a represión e o exilio será  prioritaria no Museo de Pontevedra, segundo indicaba o director Xosé Manuel Rey na inauguración oficial da sección do segundo andar do Edificio Castelao que se realizaba este martes.

A sección presenta 14 pezas de Federico Ribas, Arturo Souto e Uxío Souto, completando o espazo dedicado a Castelao no que se mostra o horror que sufriu Galicia despois do golpe militar de 1936.

A responsable de coleccións Ángeles Tilve acompañaba a Rey na inauguración que desde días atrás xa se pode visitar na exposición permanente que se atopa aberta na sala 5. Cos traballos de artistas galegos búscase ofrecer unha perspectiva complementaria aos 'Álbums de Guerra', de Alfonso Rodríguez Castelao.

As obras de Federico Ribas Montenegro, Arturo Souto Feijoo e Uxío Souto Campos, os últimos dous artistas bolseiros pola Deputación, forman parte da xeración de 'Os novos' e viviron o seu exilio en México. 

As pezas ofrecen unha mirada dramática e de compromiso durante o período de guerra. A mostra ábrese cun busto de Camilo Díaz Baliño, de Souto Campos, na que se lembra a figura do  escenógrafo e intelectual vinculado ás Irmandades da Fala, un artista de gran importancia para a evolución da arte galego. O seu corpo permanece aínda nunha cuneta de Pas de Rey, tras ser fusilado tres días antes que Alexandre Bóveda na Caeira. Do artista cuntense tamén se poden ver esculturas moi expresivas como procesión do amencer ou  Solidade. Este artista estivo confinado no campo de refuxiados francés de  Barcarés.

Pola súa banda, o ilustrador vigués Federico Ribas presenta unha serie de augadas baixo o título de ' Visións galegas baixo o xugo da Falanxe', que recolle a represión exercida polos militares en Bueu. Tamén destacan obras como  'Quen vai facer os barcos agora' en memoria de José de la Torre, o carpinteiro de ribeira veciño de Beluso, secretario do Partido Comunista de Bueu e que foi fusilado en setembro do 36, cun final que foi narrado pola artista Maruja Mallo. Precisamente Federico Ribas emigraba a Arxentina e pasaba a formar parte do grupo de exiliados galegos coa propia Maruja Mallo, Colmeiro, Seoane, José Suárez ou Castelao.

De Arturo Souto, que cedeu a súa arte e comprometeuse politicamente co Ministerio de Propaganda do goberno da República, pódense ver escenas da fronte de guerra do álbum 'Debuxos de guerra' e 'Bombardeo en Madrid', unha obra que se presentou xunto ao Guernica de Picasso no pavillón Español na Exposición Internacional deas Arts et Técniques de Paris do ano 1937 e, meses máis tarde, no Palais des Beaux Arts de Bruxelas.

A inauguración desta sección contou coa actuación musical do guitarrista clásico Samuel Diz.