Era unha vez unha parella de labradores moi pobres, que tiñan dous fillos: un neno, que se chamaba Hansel, e unha nena, que se chamaba Gretel. Unha terrible seca arruinara as súas colleitas e, como apenas tiñan comida para pasar o inverno, decidiron abandonar os nenos no bosque.
O programa do Salón do Libro Infantil e Xuvenil arrancou este venres cunha función escolar única, o concerto "A Casiña de Chocolate", unha función inspirada no conto de OQO Editora Hansel e Gretel.
Sobre o escenario do Pazo da Cultura estaba a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, un narrador e dous actores.
Esta adaptación, baseada na primeira versión do conto dos irmáns Grimm, achega elementos orixinais, diferenciándose doutras interpretacións. A verdadeira causa do abandono, neste caso, é a extrema pobreza dos pais.
Agora a historia busca comunicar a unión da familia. Os nenos que acudiron ao Pazo da Cultura non atoparon uns pais desalmados, ao contrario, sentían pena e remordemento por verse obrigados a tomar unha decisión drástica que resulta ser errónea.
Neste conto, aparecen tamén os conceptos de perdón e de xenerosidade. Os nenos non gardan rancor aos seus proxenitores e, ao seu regreso, todo volve á normalidade e comparten os tesouros non só cos seus pais senón con todos os habitantes da rexión.