Unha mostra recolle elementos da vida e obra de Florencio Delgado na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro

O Salnés
17 de maio 2022

A exposición permanecerá aberta ata finais deste mes de maio en Vilagarcía de Arousa con material onde se analiza a traxectoria do poeta de Valdeorras, homenaxeado neste Día das Letras Galegas 2022

Material da mostra sobre Florencio Delgado Gurriarán
Material da mostra sobre Florencio Delgado Gurriarán

Ata finais deste mes de maio, a Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Vilagarcía de Arousa acolle a mostra sobre a figura de Florencio Delgado Gurriarán, poeta e editor cultural galeguista homenaxeado neste Día das Letras Galegas de 2022.

Nesta exposición ofrécese unha mostra bibliográfica sobre o autor de Valdeorras (Ourense) con paneis nos que se fai unha análise da vida e da traxectoria creativa deste escritor, que tivo que exiliarse a México e que colaborou con intelectuais como Alfonso Rodríguez Castelao.

Ao longo da exposición pódense ver exemplares de obras do autor pertencentes á Biblioteca de Vilagarcía e tamén material remitido pola Secretaría  Xeral de Política Lingüística con dez paneis nos que se poden observar fotos de distintos momentos da vida do integrante do Partido Galeguista, portadas de publicacións nas que participou, debuxos e datos informativos.

A exposición permanece aberta de luns a venres en horario de 09.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas, mentres que os sábados pódese visitar entre as 09.00 e as 14.00 horas.

Arquivado en