Unha escolma de 40 fotografías, que abranguen desde 1917 ata a actualidade e que poñen rostro a esas “mulleres anónimas” que traballaron e traballan en diferentes sectores vinculados co mar. É o contido da exposición que se poderá visitar ata o 15 de decembro na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra.
A mostra foi inaugurada este venres pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada da deputada de Cohesión Social, Digna Rivas, do vicerreitor do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, e pola directora do proxecto, María Álvarez Lires.
Baixo o nome Sustentabilidade en feminino: achegas das mulleres á sustentabilidade do mar, a mostra está composta por vídeos, fotografías de redeiras, de mariscadoras, de vendedoras de peixe, de mulleres salgando ou conservando e científicas como a oceanógrafa Ángeles Alvariño ou a que fora directora do Instituto Español de Oceanografía, Aida Fernández.
Son imaxes moitas delas inéditas que serven para recuperar nas aulas o invisibilizado saber das mulleres do mar e así promover a igualdade e a acción positiva entre as futuras profesoras e profesores.
A exposición, tras o seu paso polo campus de Pontevedra, visitará o campus de Ourense, o campus de Vigo, o Museo Massó e tamén estará aberta a empresas, fundacións, asociacións e concellos que así o soliciten á Deputación de Pontevedra.