O novo espectáculo teatral de Talía Teatro,Unha inimiga do pobo, é o gran favorito para os Premios María Casares 2024. Recibiu nove nominacións aos máximos galardóns do teatro galego, entre elas a de mellor espectáculo do ano. E vano a celebrar en Pontevedra.
E é que esta obra, protagonizada pola actriz Marta Lado, representarase no Teatro Principal este xoves 22 de febreiro, a partir das nove da noite, dentro do ciclo Ponteatro.
Unha inimiga do pobo, que adapta unha das pezas máis significativas da literatura dramática universal, creada por Henrik Ibsen, busca denunciar unha forma de facer política que antepón os beneficios económicos sobre a saúde da poboación.
Ademais, permite reflexionar sobre o poder dos medios de comunicación á hora de moldear a opinión pública e colocala no lugar no que ao poder lle interesa.
Coa vontade de aproximar aínda máis a peza, a Galicia actual é escenario para unha proposta onde a desinformación, o poder das redes sociais, a crise ecolóxica e a depredación neoliberal deseñan un contexto hostil no que as emocións humanas son sometidas á máxima presión.
En Unha inimiga do pobo, Helena (Marta Lado) é unha doutora de prestixio internacional que regresa á súa vila natal para comezar unha nova etapa.
Embarazada de sete meses, afronta o seu novo estado coa ilusión posta nun novo proxecto profesional: o balneario que ela mesma deseñou, e que se presenta como unha alternativa turística sostible e saudable.
A inesperada contaminación das augas da zona e a súa loita por preservar a saúde da poboación fronte aos intereses económicos van colocala no punto de mira da veciñanza, que ve como se pon en risco a prosperidade da comunidade.
A obra, dirixida por Tito Asorey, conta tamén no seu elenco cos actores Dani Trillo, María Ordóñez, Toño Casais, Rubén Prieto, Marta Ríos, Diego Rey, Xurxo Barcala e Artur Trillo.