Unha Gran Gala Internacional de ilusionismo deixará a Pontevedra coa boca aberta

Pontevedra
14 de setembro 2022

O sábado 24 de setembro no Auditorio de AFundación en Pontevedra ás 20:30 horas terá lugar a Gran Gala Internacional "Galicia Ilusiona". As entradas saíron á venda a un prezo de 12 euros e estaban a piques de esgotarse  

Pedro Bugarín, Luis López e Dani Polo
Pedro Bugarín, Luis López e Dani Polo

O sábado 24 de setembro no Auditorio de AFundación en Pontevedra ás 20:30 horas terá lugar a Gran Gala Internacional "Galicia Ilusiona". As entradas saíron á venda a un prezo de 12 euros e estaban a piques de esgotarse.

Este martes o delegado territorial da Xunta, Luis López e os directores e productores deste espectáculo, os magos Pedro Bugarín e Dani Polo presentaron este evento que contará "cunha selección dos mellores números do ilusionismo mundial", o que supón "unha oportunidade única" de ver sobre o mesmo escenario aos máis premiados magos do planeta.

Na gala, participará o coreano Hyun Joon Kim, Primeiro Premio Mundial de Manipulación que deixará abraiado ao público coas miles de cartas aparecen na punta dos seus dedos a un ritmo vertixinoso. Tamén estará o estadounidense Jimmy Delp, Premio Mellor Mago Cómico, que recrea situacións totalmente insólitas.

O belga Sebastien Dethise, Premio Penn and Teller "Fool Us" (As Vegas), traerá en exclusiva para a gala de Pontevedra unha representación do seu número Alyson e Herbert e o chinés Huang Zheng, Premio Anéis Máxicos, presentará o seu galardoado número "Aire", unha proposta coidada e poética.

Tamén actuará o galego Dani Polo, Premio Ali Bongo, mago revelación europeo 2018. A súa especialidade son as grandes ilusións: Persoas que aparecen da nada, voan ou se teletransportan.

Esta Gala forma parte do festival de ilusionismo: "Galicia Ilusiona" que, segundo coincidiron en sinalar Dani Polo e Pedro Bugarín, ten como obxectivo ser "un referente a nivel nacional", polo que se pretende elevar a arte da maxia a un novo nivel. "Trátase dun dos festivais máis ambiciosos de Europa, en canto a número de accións, artistas e duración, coa posibilidade de que a marca Galicia sexa moi potenciada a todos os niveis", engadiron.

O festival ten unha duración de dous meses e medio, comezou o día 1 de agosto e rematará o 15 de outubro sumando un total de 220 actuacións. Durante o mes de agosto Pontevedra tamén desfrutou un dos espectáculos de maxia extrema e o venres 23 de setembro a Unidade de Pediatría do Hospital Provincial acollerá unha actuación de "maxia solidaria".

"Galicia Ilusiona" tamén rematará nas vindeiras semanas coas súas actuacións programadas ao longo da provincia no marco de "Maxia no Camiño", que é unha das catro partes deste festival mundial do ilusionismo. Xa se celebraron espectáculos en 21 localidades de Pontevedra.