Difundir o patrimonio cultural rupestre de Galicia. ÿ o obxectivo da exposición Arte rupestre en Terras de Pontevedra, unha mostra que se poderá visitar ata o próximo 19 de maio no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR) de Campo Lameiro. Ten como elemento central as principais mostras arte rupestre do territorio de Terras de Pontevedra, formado polos concellos de Cotobade, Marín, Poio, Vilaboa, Ponte Caldelas, Pontevedra e Campo Lameiro.
A mostra, producida pola Mancomunidade Terras de Pontevedra, foi inaugurada este mércores nun acto que contou coa participación da directora xeral do Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez, e do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen destacou o carácter ilustrativo e didáctico "dunha mostra que nos achega un dos conxuntos da arte rupestre ao aire libre máis importante do continente europeo".
Tamén participaron no acto o director do PAAR, José Manuel Varela; o presidente da Mancomunidade Terras de Pontevedra e alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; así como Jorge Cubela, Julio Sayáns e Luciano Sobral, alcaldes de Cotobade, de Campo Lameiro e de Poio, respectivamente.
A través de 18 paneis, a exposición amosa algúns dos exemplos máis senlleiros de petróglifos de Galicia, así como tamén as actuacións realizadas en centros expositivos e de interpretación da arte rupestre para a difusión, posta en valor e conservación deste legado cultural. A Pedra das Ferraduras, en Cotobade; a Laxe dos Carballos, en Campo Lameiro; a Laxe das Lebres, en Poio; ou a Pedra do Labirinto de Mogor, en Marín, son algúns dos exemplos da arte rupestre de Galicia nos que se basea esta exposición.
POSTA EN VALOR E CONSERVACION DO LEGADO ARQUEOLOXICO
No territorio ocupado pola Mancomunidade Terras de Pontevedra atópanse algúns dos máis senlleiros petróglifos de Galicia, que permiten un achegamento aos principais motivos e escenas plasmados nos gravados rupestres. Tradicionalmente, este espazo constituíu unha área nuclear no estudo dos petróglifos galegos. Nel tamén se acondicionaron para visita os primeiros conxuntos de gravados rupestres e onde se crearon as primeiras infraestruturas expositivas orientadas a facilitar a súa comprensión e difusión.
Entre estas infraestruturas cómpre chamar a atención sobre a Área Arqueolóxica da Caeira, en Poio; a Área Arqueolóxica de Tourón, en Ponte Caldelas; os Petróglifos de Mogor, en Marín; e o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, configurado este último como o centro de referencia para a preservación, investigación e difusión dos petróglifos de Galicia.
Ademais destes conxuntos principais, neste territorio poden contemplarse outras estacións rupestres que foron ou están sendo acondicionadas para a súa visita e que axudan a diversificar a mostra de petróglifos visitables.