Unha exposición fotográfica homenaxea ás persoas maiores de Soutomaior, "os seus maiores tesouros"

Soutomaior
02 de outubro 2024

Con motivo do Día Internacional das Persoas Maiores, que se celebra cada 1 de outubro, o Concello de Soutomaior e os centros de día Boas Apertas e Soutomaiores organizaron unha exposición fotográfica que homenaxea ás persoas de máis idade no municipio

Inauguración da mostra 'Tesouros. Un periplo visual pola vida'
Inauguración da mostra 'Tesouros. Un periplo visual pola vida' / Concello de Soutomaior

Con motivo do Día Internacional das Persoas Maiores, que se celebra cada 1 de outubro, o Concello de Soutomaior e os centros de día Boas Apertas e Soutomaiores organizaron unha exposición fotográfica que homenaxea ás persoas de máis idade no municipio, "os seus maiores tesouros".

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e a concelleira Rosana Comesaña acompañaron este martes ás persoas usuarias destes dous centros á inauguración da mostra 'Tesouros. Un periplo visual pola vida'. 

A exposición está composta por fotografías de cada unha das persoas usuarias de Boas Apertas e Soutomaiores, así como algunhas fotografías antigas de Soutomaior, Arcade e a parroquia veciña de Pontesampaio. 

A exposición atópase no Multiusos de Arcade, e poderá visitarse ata o vindeiro sábado 5 de outubro. Os horarios de visita todos os días serán de 10:00 a 13:00 horas, e tanto o martes como o xoves poderá visitarse entre as 16:00 e as 19:00 horas.

O alcalde de Soutomaior sinalou que "esta exposición ten por obxectivo dar visibilidade as persoas maiores polo importante papel que desempeñaron na nosa sociedade durante décadas, sendo referentes nos seus respectivos ámbitos e converténdose agora en custodios da memoria e da tradición". 

Neste sentido, agradeceu o traballo desenvolto polos centros de día, "coidando día a día das persoas que construíron o Soutomaior no que hoxe temos a inmensa sorte de vivir".

O alcalde tamén subliñou que "en Soutomaior camiñaremos sempre da man das persoas maiores e das entidades que traballan en prol do seu benestar. O obxectivo tanto do Concello como destas entidades é claro: avanzar na procura da súa integración activa, loitando polos seus dereitos ao lecer, á formación, á cultura... Tamén á práctica de actividades físicas e deportivas que garantan a súa participación activa na vida económica, social, cultural e política de Soutomaior".