A Deputación inaugurará este martes 8 de outubro unha exposición de pintura no Museo de Pontevedra como parte das actividades paralelas ao encontro "Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes".
Na mostra están reunidas sete obras de Sofía Muñiz Somoza (Cambados), Laura López Ignacio (Marín), Ainhoa Lage Moldes (Pontevedra) e Daniel Jácome Rodríguez (Vigo), catro novos artistas da provincia seleccionados a través dun concurso convocado pola institución provincial. A exposición poderá visitarse ata o 20 de outubro na zona acristalada do Edificio Castelao.
Este evento forma parte do encontro literario que, os días 17 e 18 de outubro, traerá a Pontevedra a Héctor Abad Faciolince, Manel Loureiro, Arantza Portabales, Ángela Banzas e Rodrigo Cota, Alexander Vórtice e Xulio Teixeira. Tamén participará Sandra Ferreiro García, gañadora do premio narrativa dos Premios Provinciais á Xuventude en 2018 e que acaba de publicar a súa primeira novela, 'Candela'.
Ademais, o evento inclúe unha mostra fotográfica no vestíbulo do Pazo Provincial, con imaxes premiadas na categoría de fotografía dos Premios Provinciais á Xuventude.
Toda a información sobre o encontro está dispoñible na páxina web da Deputación, así como o sistema de reserva de asentos.