O espazo expositivo O Abrigo da Facultade de Belas Artes de Pontevedra inaugura este luns, 7 de outubro, o curso académico cunha exposición centrada na tatuaxe.
A mostra estará aberta ao público ata o venres 18 e terá case unha vintena de obras de nove artistas diferentes.
O fío condutor das obras é a relación, máis ou menos próxima, coa estética da tatuaxe, ben sexa por empregar materiais vencellados a esta práctica como a tinta, a pel sintética ou o papel de calco; como por presentar deseños tradicionalmente asociados á mesma.
Parte ds artistas seleccionados son alumnado da facultade e outros son alleos á comunidade educativa. Todos teñen entre 18 e 30 anos.
O horario da mostra está suxeito ao do centro: de luns a venres, de 8.30 a 19.45 horas.
Durante este curso, un novo colectivo encargarase de xestionar este espazo, o colectivo artístico Lupercais, formado polas alumnas do centro Lucía Estévez Cid e Lucía Leirós Porto, en colaboración co vicedecanato da facultade.