Unha exposición amosa obras de arte saídas do contedor de lixo

Pontevedra
06 de novembro 2023

'Reliquias' reúne as obras dos alumnos de doutoramento Álex Fuertes e Julio Catalán ,nas que exploran o uso de material de refugallo na creación artística

Julio Catalán, Álex Fuertes e José Eiras
Julio Catalán, Álex Fuertes e José Eiras

'Reliquias' é o título da nova exposición que ata o 16 de novembro pode visitarse no Abrigo, a antiga cafetaría da Facultade de Belas Artes, reconvertida o pasado curso nun espazo para a organización de exposición ou talleres. 

Co alumno de doutoramento José Eiras como comisario, esta mostra reúne as creacións dos tamén estudantes de doutoramento da facultade Álex Fuertes e Julio Catalán, conectadas polo uso que ambos fan de obxectos atopados e de refugallo, que reconverten en materiais para a creación artística.

Segundo explica Eiras, ambos artistas "recollen residuos, despoxos da pegada da humana" para conformar as súas pezas.

No caso de Fuertes, os obxectos atopados dan como resultado unha serie de obras "que remiten automaticamente á pintura", mentres que nas propostas de Catalán faise máis presente, a xuízo do comisario, a "captura dun instante", o propio percorrido no que foron atopados os materiais.