Unha edición moi especial de 'Jazz no Principal' polo seu 25 aniversario

Pontevedra
16 de marzo 2017

A concelleira de Cultura Anxos Riveiro e Luís Carballo presentaron na mañá deste xoves 16 no concello de Pontevedra a nova edición que acollerá o Teatro do festival de 'Jazz no Principal'  

Presentación de 'Jazz no Principal' 2017
Presentación de 'Jazz no Principal' 2017

Dous espectáculos "co saxo tenor como principal protagonista" centrarán o Jazz no Principal deste ano. O sábado 18 de marzo actuará Kike Perdomo, un referente do jazz no estado español, músico consagrado e coordinador durante dez anos do Festival Internacional de Jazz de Canarias e do seu Seminario Internacional. Un dos saxofonistas de "máis pedigrí" explica o coordinador, do jazz español. E o sábado seguinte será a quenda de Ariel Bringuez, saxofonista, profesor, compositor, e todo un referente do jazz cubano en España.

As entradas para ambos os concertos poderanse mercar a través da páxina  ataquilla.com cun prezo de 5 euros con posibilidade de prezo reducido de 3 euros para estudantes, parados e xubilados. 

Os días dos concertos, os amantes do jazz tamén terán a posibilidade de acudir aos obradoiros de SPJ, que terán lugar pola mañá de 11:00 a 14:00 horas. Estarán abertos a todo o público e entregarase un diploma acreditativo aos que decidan participar. Os seminarios, que cumpriron en 2016 quince anos, son unha gran oportunidade, segundo Luís Carballo. 

A concelleira de Cultura Anxos Riveiro e Luís Carballo presentaban na mañá deste xoves 16 a nova edición de 'Jazz no Principal', que chegará ao Teatro Principal de Pontevedra os días 18 e 25 de marzo.

Segundo a concelleira, o jazz é unha das propostas que "sempre nos vai a acompañar" na programación do Teatro. O festival, que cumpre este ano o seu 25 aniversario e que prometen queserá "unha edición moi especial", corre a cargo da concellería de Cultura e o Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra (SPJ) e terá tamén presenza no Salón do Libro.

Este ciclo trae a grandes artistas a Pontevedra, explicaba Luís Carballo, coordinador e representante do SPJ, e permite que os novos músicos galegos que se achegan ao jazz teñan a oportunidade de facer un concerto profesional. Por aquí teñen pasado moitos artistas e músicos galegos, continuaba, que son agora todo un referente a nivel estatal.