Este luns deron comezo as primeiras "Xornadas da Dignidade" sobre a historia recente de Lourizán, organizadas pola Asociación de Veciños Estriceres coa colaboración da Plataforma Non Á Ampliación.
A conferencia inaugural levou por título de "Montero Ríos e o Pazo de Lourizán" e foi impartida por Ernesto Vázquez Rey no Centro Social de Estribela. Este pontevedrés, licenciado en Dereito, é o presidente da Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra (AMUPO) e da Fundación Malvar. Foi o coordinador do "Relatorio sobre a protección do Pazo de Lourizán", como estudo previo á solicitude da súa declaración como Ben de Interese Cultural.
Na súa conferencia Ernesto Vázquez centrouse en explicar a dimensión política do "Cuco de Lourizán" así como a historia e as características que convertiron a que foi a súa residencia galega nun pazo único.
Por outra banda, Estriceres anuncia cambios para a conferencia do martes. Debido a motivos persoais, Enrique Acuña non poderá asisitir. Pero lonxe de suspenderse a programación, os asistentes poderán escoitar a Daniel Lanero Táboas, coa conferencia titulada: "A instalación da Celulosa e o conflito social en Lourizán". Daniel Lanero é profesor da Universidade de Santiago de Compostela, investigador do programa Ramón y Cajal e co-director da cátedra Juana de Vega, ademais de formar parte do Grupo de investigación "Histagra".
A asociación de veciños califica de "privilexio" poder contar coa participación deste historiador da USC, por tratarse dun dos principais investigadores científicos da conflitividade socioambiental en Galicia durante a ditadura franquista e máis concretamente no caso da instalación da celulosa, polo que están convencidos de que fará as delicias dos asistentes.