Unha campaña impulsada desde Pontevedra reclama unha muller para as Letras Galegas 2018

Pontevedra
08 de xuño 2017

Nos 55 anos de historia do Día das Letras Galegas, tan só tres mulleres foron homenaxeadas: Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera Garrido (1987) e María Mariño (2007). Unha campaña impulsada desde Pontevedra espera que en 2018 se poida elixir a unha cuarta escritora para conmemorar o día grande a literatura galega

Imaxe da campaña #PropónUnhaMuller
Imaxe da campaña #PropónUnhaMuller / Polo Correo do Vento

Nos 55 anos de historia do Día das Letras Galegas, tan só tres mulleres foron homenaxeadas: Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera Garrido (1987) e María Mariño (2007). Unha campaña impulsada desde Pontevedra espera que en 2018 se poida elixir a unha cuarta escritora para conmemorar o día grande a literatura galega.

O colectivo Polo Correo do Vento, co apoio do Concello de Pontevedra, puxo en marcha esta iniciativa, baixo a denominación #PropónUnhaMuller. Trátase dunha campaña dirixida principalmente aos académicos da Real Academia Galega, responsables da elección do autor homenaxeado, pero que busca a complicidade da cidadanía.

Así, dirixiranse aos colexios da provincia de Pontevedra para que os alumnos fagan chegar unha carga esixindo aos académicos que se recoñeza este ano a unha autora galega. A campaña farase extensible a outras institucións, entidades e colectivos sociais.

Ademais, a iniciativa trasladouse ás redes sociais onde, baixo a etiqueta #PropónUnhaMuller piden aos internautas que sinalen que autora merece ser homenaxeada nas Letras Galegas 2018.

Esta iniciativa, sinalan desde Polo Correo do Vento, busca "denunciar a inxustiza histórica do papel da muller na cultura e nos demais ámbitos da sociedade e dar a coñecer a mulleres que escribiron en lingua galega ou traballaron na defensa do idioma". 

Polo Correo do Vento ofrece dez propostas iniciais para que se debata sobre elas. Avelina Valladares, Belén Feliú, Clara Corral Aller, Filomena Dato, Luísa Villalta, María Tobío, María Victoria Moreno, Pura Vázquez, Xela Arias e Xosefa Iglesias Vilarelle. Con todo, aceptan que se inclúan novos nomes en busca da mellor candidatura posible.