Unha artista de Estonia ilustrará o cartel do XX Salón do Libro Infantil e Xuvenil

Pontevedra
16 de outubro 2018

Un traballo presentado pola artista estoniana Tiiu Kitsik é o gañador da segunda edición do Premio Internacional de Ilustración, convocado polo Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra para elixir o cartel para a súa vixésima edición

Reunión do xurado do premio de ilustración do Salón do Libro
Reunión do xurado do premio de ilustración do Salón do Libro / Mónica Patxot

Un traballo presentado pola artista estoniana Tiiu Kitsik é o gañador da segunda edición do Premio Internacional de Ilustración convocado polo Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra para elixir o cartel para a súa vixésima edición.

A súa proposta, escollida entre 115 traballos chegados de 25 países, será a imaxe da próxima edición deste evento cultural, que terá lugar no Pazo da Cultura e no Recinto Feiral de Pontevedra do 22 de marzo ao 12 de abril, baixo o lema A Revolución e que contará coa cultura lusófona como convidada.

O xurado destacou da ilustración gañadora a representación dunha revolución levada a cabo polo mundo das crianzas co libro como bandeira.

As propostas presentadas ao concurso viñeron de Corea, Finlandia, España, Colombia, Arxentina, Serbia, Perú, Cabo Verde Croacia, México, Eslovenia, Italia, Sri Lanka, Venezuela, Portugal, Brasil, Estonia, Letonia, Lituania, Holanda, Chile, India e Francia.

Pese a que a temática era máis complicada, sinalou o xurado, as achegas foron moi numerosas e a maior parte delas destacaban o poder que teñen os libros para revolucionar e transformar o mundo. É o caso da ilustración gañadora que representa a revolución como algo alegre.

Tiiu Kitsik, que recibirá ademais unha dotación económica de 3.000 euros, fora xa finalista neste mesmo certame o ano pasado.