A UNED acolle unha exposición e unha conferencia de Martínez Coello sobre a Bela Otero

Pontevedra
02 de novembro 2024
Actualizado: 12:11

Estes actos pretenden ser unha homenaxe á diva galega da Belle Epoque e representan unha oportunidade para reflexionar sobre o impacto cultural e artístico desta muller

Miguel Ángel Martínez Coello
Miguel Ángel Martínez Coello / UNED Pontevedra

O Centro Asociado da UNED en Pontevedra acolle o vindeiro luns 4 de novembro, a partir das 18:30 horas, unha conferencia de Miguel Ángel Martínez Coello sobre a diva galega por excelencia da Belle Epoque, 'A Bela Otero'.

Este acto servirá tamén de inauguración oficial dunha exposición de postais relacionadas coa vedette nada en Valga que revolucionou o panomara artístico parisiense e europeo dos anos 20 do século pasado.

O artista Miguel Ángel Martínez Coello foi recompilando ao longo da súa vida toda unha serie de elementos e documentación sobre a figura singular de Agustina Carolina del Carmen Otero Iglesias, 'A Bela Otero', unha muller que marcou o seu tempo e de quen chegaron a dicir que ela era en si mesma a Belle Epoque.

Durante moitos anos Martínez Coello foi recompilando documentos, postais, testemuños, etc… que reflicten a vida da que foi no seu momento a actriz e vedette do momento.

A Bela Otero foi unha muller que desafiou as convencións da época e que se converteu nunha lenda internacional.

Con esta exposición non só quérese brindar unha homenaxe á súa memoria, senón que representa tamén unha oportunidade para reflexionar sobre o impacto cultural e artístico da Bela Otero no contexto europeo de finais do século XIX e principios do XX.