Un vídeo da Memoria das Mulleres repasa o labor das primeiras actrices galegas a comezos do século XX

Pontevedra
27 de xullo 2022

María Rúa publica unha nova peza audiovisual na que difunde o traballo das intérpretes que abriron camiño na ficción fílmica galega con artistas como Marina Fonseca Quintairos, Fefa Sandoval, Efigenia Novás, María Mucientes ou Carmiña Sandoval

Concha Caballero, no vídeo de María Rúa
Concha Caballero, no vídeo de María Rúa

Actrices como Marina Fonseca Quintairos, Fefa Sandoval, Efigenia Novás, María Mucientes ou Carmiña Sandoval convértense en protagonistas do último vídeo da divulgadora María Rúa na rede social Tik Tok, dentro do programa A Memoria dAs Mulleres, que promove a creación e divulgación de pezas audiovisuais para difundir a biografía de mulleres importantes na historia de Galicia e que se inclúen na páxina web Do gris ao violeta do Concello de Pontevedra.

Nesta ocasión preséntase o cuarto vídeo do ciclo, unha nova obra de María Rúa (@pradorua), no que se fai unha divertida e reivindicativa proposta sobre os pasos iniciais na interpretación artística no século XX en Galicia. Lémbrase o primeiro filme de ficción galego 'Miss Ledyia', estreado en 1916, coa participación de actrices como Mariña Fonseca Quintairos ou Fefa Sandoval. Ao longo da peza tamén se lembra a outras intérpretes da época destacando a súa relevancia.

"Se hoxe é difícil vivir do que amas, imaxina hai un século", afirma María Rúa neste traballo no que combina breves textos coa súa faceta interpretativa. O vídeo leva máis de 2.000 reproducións desde a súa publicación na rede TikTok e xa foi compartida noutras redes sociais.

Helena López (@cousasrarismas) e Sara Seco (@sarasecorial)son as outras dúas divulgadoras que realizan traballos sobre mulleres pontevedresas dentro deste proxecto que pretende construír, de maneira cooperativa, un fondo documental, gráfico e audiovisual sobre a historia das mulleres en Pontevedra, pertencentes a diferentes ámbitos sociais e laborais.