Un seminario abordará no Museo a figura de Sobrino Buhígas e a relevancia do seu 'Corpus Petroglyphoum Gallaeciae'

Pontevedra
03 de novembro 2023

O Museo de Pontevedra suma un novo acto dentro da súa programación para conmemorar o centenario do nacemento do Seminario de Estudos Galegos

Fotografía de Sobrino Buhígas da Laxe das Coutadas
Fotografía de Sobrino Buhígas da Laxe das Coutadas / Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra suma un novo acto dentro da súa programación para conmemorar o centenario do nacemento do Seminario de Estudos Galegos. 

O próximo xoves 9 de novembro, de 16:30 a 20:00 horas, celebrarase no Edificio Castelao o seminario 'Un fito da arqueoloxía galega. Ramón Sobrino Buhígas e o Corpus Petroglyphorum Gallaeciae', con tres conferencias e unha mesa redonda para analizar o impacto desta publicación, editada polo Seminario en 1935, na promoción do estudo e o coñecemento internacional da arte rupestre galega.

O programa comezará cunha conferencia de Mateo Fontán sobre a figura de Ramón Sobrino Buhígas no contexto da arqueoloxía da época. Fontán situará o Corpus Petroglyphorum Gallaeciae como un traballo precursor nos estudos sobre a arte rupestre do noroeste peninsular, que provocou o espertar da arqueoloxía galega e un grande interese internacional. 

Ramon Sobrino Buhígas (1888-1946), naturalista especializado en bioloxía mariña, foi tamén odontólogo, debuxante e arqueólogo. En 1930 viaxou a París e Londres cunha bolsa da Junta de Ampliación de Estudos (JAE) para estudar as insculturas rupestres europeas. Esta foi a base do Corpus, que publicaría en 1935 en latín. O libro contén 188 láminas de fotografías e debuxos e un mapa de petróglifos da provincia de Pontevedra, ademais dun estudo introdutorio no que Sobrino Buhígas analiza de xeito integral as estacións da arte rupestre galega ao aire libre e as conecta coas doutros lugares de Europa.

A segunda conferencia estará a cargo da fotoxornalista e arqueóloga brasileira Kenia de Aguiar que analizará a documentación fotográfica realizada por Sobrino Buhígas para o Corpus Petroglyphorum Gallaeciae.

Pola súa banda, a terceira e última conferencia será impartida polo investigador Ángel Núñez Sobrino, neto de Ramón Sobrino Buhígas, que trazará un retrato biográfico do arqueólogo e naturalista, incidindo na influencia do seu primo Enrique Campo e da Sociead Arqueológica de Pontevedra, o seu ingreso no Seminario de Estudos Galegos e outros fitos da súa traxectoria vital. A xornada pecharase cunha mesa redonda moderada por Daniel Crespo, conservador de Arqueoloxía do Museo de Pontevedra.

O acceso á xornada é libre, aínda que as persoas que queiran obter un certificado de asistencia deberán inscribirse previamente, escribindo a [email protected]

DOCUMENTACIÓN DA FAMILIA SOBRINO

Ao longo dos últimos anos, o Museo de Pontevedra recibiu sucesivas entregas de documentación sobre a familia Sobrino, prolífica en músicos, artistas e historiadores, xeralmente realizadas por Ángel Núñez Sobrino. Boa parte desas doazóns son de materiais referentes a Ramón Sobrino Buhígas, empresario, odontólogo e catedrático do Instituto de Pontevedra de Historia Natural e Fisiología e Higiene, do que foi director.

Entre os documentos entregados é moi importante a colección de fotografías e debuxos que ilustraron o Corpus Petroglyphorum Gallaeciae, aínda que tamén podemos atopar imaxes persoais e familiares e documentación de todas as súas facetas profesionais. Todo o arquivo de Ramón Sobrino está dixitalizado e a disposición dos investigadores que queiran achegarse á súa importante aportación á Prehistoria galega.