Un pingüín chega á escola de Verducido en forma de conto

Pontevedra
24 de marzo 2021

A Escola de Educación Infantil de Verducido acollía este mércores unha sesión de contacontos no marco do programa 'O teu cole na historia, coñecendo a nosa contorna', promovido pola Concellería de Educación de Pontevedra

Sesión de contacontos na escola de Verducido
Sesión de contacontos na escola de Verducido / Concello de Pontevedra

A Escola de Educación Infantil de Verducido acollía este mércores unha sesión de contacontos no marco do programa 'O teu cole na historia, coñecendo a nosa contorna'.

A actividade foi desenvolvida por Carlos Taboada e Kike Mauricio, do equipo creativo de Polo Correo do Vento, e contou coa presenza do concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey.

A iniciativa está impulsada pola Concellería de Educación e ten o obxectivo de que o alumnado dos colexios de Pontevedra coñeza a historia e contorna dos seus centros e se identifiquen con eles a través de intervencións artísticas.

A escola de Verducido vén de estrear un mural protagonizado polas figuras dunha leiteira e dun canteiro, así como polo encoro do Pontillón do Castro, a fervenza, os muíños e un merlo que se poden atopar nesta paisaxe natural.

Durante a sesión de contacontos, Taboada e Mauricio narraron o seu clásico conto ilustrado 'Periplo Atlántico', unha versión moi libre do 'Panchito' de Castelao no que, neste caso, un pingüín de Verducido leva adiante o seu soño de viaxar polo océano e percorrer o mundo. Tamén impartiron un obradoiro de debuxo no que o alumnado debuxou unha leiteira de Verducido como a que sae no mural do colexio.